O goberno de Lara Méndez reforza a xestión catastral do Concello para axilizar os procedementos administrativos

A Xunta de Goberno aprobará mañá a contratación do servizo “que tamén reverterá na calidade da atención ao contribuínte”, segundo sinala Paula Alvarellos.

Esta semana autorizarase, alén, a adquisición da escultura de bronce “Peregrina en Lugo” coa que o executivo local pretende poñer en valor o Camiño Primitivo.

Entre os asuntos a abordar esta semana figuran 6 licenzas urbanísticas que propiciarán un investimento na cidade superior aos 2 millóns de euros.

Martes, 25 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez reforza a xestión catastral do Concello para axilizar os procedementos administrativos

O Goberno de Lara Méndez trasladará mañá á Xunta de Goberno a aprobación do procedemento de contratación dun servizo de xestión catastral que colabore co Concello na realización de actuacións e na tramitación dos expedientes nesta materia, así como na xestión tributaria do Imposto de Bens Inmobles.

Segundo avanzou a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, “a finalidade desta asistencia concretarase na elaboración de datos gráficos, cartográficos e alfanuméricos dos inmobles urbanos así como na comprobación da información física, xurídica ou económica dos expedientes abertos e que resulta necesaria para a súa tramitación”.

“Tamén deberá encargarse da cartografía catastral e da realización de planos dixitais así como dos impresos procedentes - referiu a concelleira - en tanto, un catastro completo e actualizado é o instrumento fundamental que nos permitirá levar a cabo unha xestión axeitada do territorio, acorde aos principios de sostibilidade que perseguimos”.

Alvarellos Fondo sinalou que a adxudicataria do contrato ofrecerá, así mesmo, atención, asistencia e información ao contribuínte nas súas dependencias e con persoal propio.

“Trátase de botar man de todos aqueles mecanismos que están á nosa disposición co fin de efectivizar a xestión municipal, dotándonos dos medios necesarios para desenvolver un labor áxil en todas as fases dos procedementos administrativos que cursamos pero, acadando ao mesmo tempo, a resolución dilixente das demandas e necesidades da cidadanía coa calidade e a prontitude debida”, afirmou a responsable de Gobernanza.

Paula Alvarellos indicou, así mesmo, que o orzamento base da licitación - que terá unha duración de tres anos, prorrogable por outros dous - é de 47.456 € para o primeiro exercicio, tendo en conta a estimación realizada pola área de Facenda Local (redactora dos pregos, baixo a coordinación que a Tesoureira Municipal fai da área económica), en base aos traballos anuais que se agarda realizar.

Outros asuntos da Orde do Día

Xa noutra orde de asuntos, na sesión desta semana, autorizarase a adquisición da escultura “PEREGRINA EN LUGO”, deseñada polo artista Miguel Couto Cotelo, a proposta da Coordinadora de E-Dusi Muramiñae. Unha obra elaborada en bronce, coa que o executivo local pretende enxalzar a importancia histórica, cultural, patrimonial e tamén de dinamización económica que o Camiño Primitivo ten para Lugo, mellorando a percepción estética dunha contorna sobre a que xa se está a intervir actualmente no seu acondicionamento e que exerce de nexo de unión entre o Casco Histórico e o río Miño.

Por outra banda, dende a área de Sostibilidade Urbana daráselle traslado a 6 licenzas para acometer diferentes intervencións no termo municipal, entre as que destaca a ampliación dunha nave industrial para almacén de pneumáticos no polígono do Ceao (1.866.965 €), a rehabilitación das fachadas e patios dun inmoble en Pascual Veiga (114.765 €) ou a instalación dun ascensor nun edificio da rúa do Prado (65.227 €).

Noticias relacionadas