O Goberno de Lara Méndez recibirá mañá o recoñecemento de Boas Prácticas Locais da FEMP pola recuperación do Humidal das Gándaras

O edil de Medio Rural e voceiro municipal será o encargado de recoller este martes o galardón outorgado pola Rede de Gobernos Locais+Biodivesidade.

Lugo foi o único municipio galego en obter esta distinción.

O Concello e a USC elaboraron un plan de conservación para este espazo natural que inclúe accións para os próximos 10 anos, cun orzamento de 70.000 euros.

Luns, 22 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez recibirá mañá o recoñecemento de Boas Prácticas Locais da FEMP pola recuperación do Humidal das Gándaras

O Goberno de Lara Méndez recibirá mañá o recoñecemento de Boas Prácticas Locais pola Biodiversidade da man da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) pola recuperación do Humidal das Gándaras. A actuación posta en marcha polo executivo municipal neste bosque de ribeira, un dos grandes patrimonios naturais de Lugo, obtivo o segundo premio na categoría de Medio Hídrico na segunda edición dos premios outorgados pola Rede de Goberno Locais+Biodiversidade.

O acondicionamento desta xoia natural de 5 hectáreas de extensión, que se enmarca no proxecto europeo LIFE Lugo+Biodinámico, supuxo preservar a súa rica diversidade para que sexa un espazo de esparcemento de veciños e visitantes ao integrarse no paseo periurbano da cidade, pero tamén con fins divulgativos e investigadores xa que acolle especies de flora e fauna de interese comunitario polo seu especial valor de conservación e grao de ameaza en Europa.

Por iso, o xurado deste premio valorou cuestións relativas ao impacto do proxecto nas condicións da vida silvestre e os ecosistemas naturais; a súa sustentabilidade, no sentido da incorporación de todos os aspectos de desenvolvemento sostible (sociais, ambientais, económicos e culturais) e o fortalecemento da participación cidadá e a promoción da igualdade e equidade dentro das condicións locais.

Tamén incidiu na súa capacidade exemplarizante e a súa posibilidade de desenvolverse con éxito noutros Gobernos Locais (transferibilidade); a súa permanencia xa que os seus resultados se manteñen no tempo, e a súa visión global ao integrarse a iniciativa nunha estratexia global do Concello de Lugo no desenvolvemento urbano sostible e a conservación do patrimonio natural.

Plan de conservación

O executivo municipal, da man da USC, elaborou un plan de conservación para o humidal das Gándaras, como requisito previo á súa declaración como ENIL (Espazo Natural de Interese Local). O plan de conservación contempla unha consignación económica anual, con cargo aos orzamentos municipais, para a posta en marcha de diferentes medidas, da man da USC e o Campus Terra, para a protección e a xestión do espazo, por un período inicial de dez anos, cun importe total de 70.000 euros

O plan de conservación elaborouse cos contidos contemplados na normativa vixente. Así, este inclúe as actividades de xestión do ENIL, entre as que destacan:

1. Medidas de xestión relacionadas coa conservación dos hábitats, a flora e a fauna, entre outras: Realización de inventarios florísticos, micolóxicos e faunísticos, control das especies invasoras, da calidade da auga e do  rexenerado de especies alóctonas, así como a plantación de especies propias ou a realización de actuacións que fomenten a acollida de aves acuáticas e outras especies na zona da logoa artificial.

2. Medidas de xestión relacionadas co uso social espazo, como a realización de obras de mellora nas vías de acceso ao ENIL; así como a revisión e mantenemento da sinalización e dos accesos e o control dos vertidos incontrolados e lixo.

3. Pero tamén desenvolverá actuacións relacionadas coa investigación e a educación ambiental a través de accións de divulgación que permitan informar e concienciar ao público dos valores existentes no espazo natural.

Redes pola Biodiversidade

A Rede de Gobernos Locais+Biodiversidade agrupa aos Gobernos Locais españois comprometidos coa conservación e o fomento da biodiversidade, a protección do medio hídrico, a restauración de espazos naturais degradados, a mellora da conectividade ecolóxica e a salvagarda dos ecosistemas. Esta rede ten por obxecto a creación dun marco estable que impulse e promova, no conxunto dos Gobernos Locais españois, a adopción de políticas locais para a conservación e o uso sostible da biodiversidade e a conservación do patrimonio natural.

O Concello de Lugo aprobou a súa adhesión á Rede de Gobernos Locais+Biodiversidade en xullo de 2019.

Noticias relacionadas