O Goberno de Lara Méndez promove a internacionalización do Arde Lvcvs chegando a máis de 35 millóns de persoas de todo o mundo

Froito da aposta por visibilizar e dar a coñecer a festa no estranxeiro, organizouse unha xornada de convivencia con xornalistas doutros países que están a difundir o evento.

Lara Méndez: “Dende o executivo municipal estamos a traballar para conseguir a declaración do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional”.

Ao longo do 2021, o Arde Lvcvs chegou, así mesmo, a máis dun millón de persoas de todo o continente a través das redes sociais.

Mércores, 19 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez promove a internacionalización do Arde Lvcvs chegando a máis de 35 millóns de persoas de todo o mundo

Máis de 35 millóns de persoas de todo o mundo coñeceron o Arde Lvcvs, grazas á aposta do Goberno de Lara Méndez pola súa internacionalización. O pasado mes de novembro, a rexedora convidou a coñecer esta festa de recreación histórica a xornalistas representantes de medios de comunicación de dez países e tres continentes.

Con motivo da súa visita, organizada pola Concellería de Xuventude que dirixe o edil Mauricio Repetto, levouse a cabo un Arde Lvcvs simbólico no que participaron 19 colectivos de recreación histórica e xornalistas dos medios de comunicación Le Petit Jornal, Voyage Magazin, Diva, Jenata Dnes, Agencia Nacional Italiana de Noticias (ANSA), Axencia XINHU, Cadena Rasa, Televisión Mexiquense, Radio Pública de Uruguai, Cadena 3 Arxentina, Radio e TV3 e Touristica International.

Os xornalistas internacionais puideron gozar da entrada de lexións pola Ponte Romana, da bendición dos estandartes castrexos e romanos, previa á ofrenda na que a rexedora lucense anunciou as datas da edición 2022, que terá lugar do 9 ao 12 de xuño, e dun desfile pola muralla das asociacións, así como da realización de diferentes obradoiros e espectáculos en puntos estratéxicos da cidade a cargo das mesmas.

Lara Méndez explicou que “esta acción enmárcase no traballo que estamos a levar a cabo dende o executivo municipal para lograr a declaración do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional”. “Neste senso, quero destacar o gran interese mostrado polos xornalistas participantes, que se está a traducir agora nunha difusión de alcance mundial, chegando coas súas publicacións sobre a festa a máis de 35 millóns de persoas de todo o continente”.

Deste xeito, segundo explicou a rexedora, xa se editaron máis de 20 publicacións sobre Arde Lvcvs en países como China, México, Italia, Francia, Bulgaria, Arxentina, Canadá, Líbano, Uruguai, Cuba, Estados Unidos, Porto Rico e varios outros países de Latinoamérica, en medios cunha repercusión moi importante.

Por exemplo, a Televisión Mexiquense emitiu unha reportaxe que foi seguida por 10 millóns de espectadores; tamén Ciber Esfera TV de México ten 15 millóns de espectadores; a cadea Rasa, tamén de México e escoitada en moitos lugares de Estados Unidos, ten 8 millóns de oíntes; a Radio Pública de Uruguai ten dous millóns; o Petit Journal de Francia ten 1,5 millóns de lectores, Touristica International, que se edita en Canadá, Francia e Líbano e distribúese en todo o mundo, ten 500.000 lectores.

Pola súa banda tres reportaxes distribuíronse en medios de China, un deles na revista Globo, xa superou as 700.000 visitas, e a axencia oficial chinesa Xinhua, a máis grande do mundo, distribuíuno por centos de diarios en todo o país. Así mesmo, aínda están pendentes de publicarse novas reportaxes en medios de Bulgaria, Arxentina e outros países.

Alcance a través das redes sociais

Ao longo do 2021 o Arde Lvcvs chegou, así mesmo, a máis dun millón de persoas de España, Arxentina, Uruguai, Bolivia, Portugal, México, Italia, Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña e Francia a través das redes sociais, destacando entre as publicacións con máis éxito o "Comunicado imperial de agradecemento” ou o "graffiti Cayo Julio César".

En Facebook, a páxina da festa conta actualmente con preto de 31.500 seguidores, as publicacións nesta rede acadaron ao longo de 2021 un alcance de máis de 800.000 persoas. En Instagram, onde o Arde Lvcvs conta con case 3.000 seguidores, foron máis de 500 contas as que interactuaron co perfil de Arde Lvcvs nos últimos 90 días, cun alcance de máis de 200.000 persoas. Mentres que en Twitter, con case 5.000 seguidores, ao longo do ano pasado as publicacións acadaron preto de 150.000 impresións, destacando os meses de xuño e xullo, con máis de 10.000 visitas ao perfil. Finalmente, en YouTube, rede na que hai preto de 600 subscritores, os vídeos publicados tiveron un alcance de máis de 10.000 persoas.

Noticias relacionadas