O goberno de Lara Méndez presenta un Plan Económico e Financeiro para 2021 que destaca pola súa estabilidade orzamentaria

O exceso de investimento durante o 2019 obrigou á administración local a elaborar este documento para expoñer a orixe do desequilibrio que xa quedou corrixido coa entrada en vigor do presuposto deste exercicio

A solvencia das contas municipais foi o que permitiu a posta en marcha inmediata das medidas de apoio económico fronte ás consecuencias do coronavirus

Xoves, 28 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez presenta un Plan Económico e Financeiro para 2021 que destaca pola súa estabilidade orzamentaria

En 2019 o goberno de Lara Méndez consignou a pasarela sobre a N-VI, os traballos de repintado da sinalización horizontal da cidade, a peonalización de Quiroga Ballesteros e o elevador do Sagrado Corazón.

Tamén mellorou a accesibilidade en San Roque e a seguridade do tráfico na Piringalla coa colocación dunha rotonda en Mar Cantábrico e no Polígono do Ceao co asfaltado de varias vías, destinou máis de medio millón de euros á reparación de numerosas estradas do rural, creou un novo canil na rúa Serra de Ancares e un parque infantil na Praza de Bretaña, ademais de ampliar as áreas de xogos do Campo Castelo e Albeiros e de renovar a de Aquilino Iglesia Alvariño. Actuacións, todas elas, encamiñas a acadar a segunda gran transformación do municipio, impulsada por Lara Méndez.

Un forte investimento, proxectado xa durante o mandato anterior e só pendente de adxudicar, que se financiou con cargo a varios suplementos de crédito aprobados nese exercicio, pero que excederon, en cinco millóns, o tope orzamentario que o Concello tiña asignado conforme á regra de gasto.

Ese incumprimento, segundo explicou hoxe no Pleno a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, obrigou á administración local a elaborar e presentar un Plan Económico e Financeiro para 2021.

“Esta esixencia vén deteriminada pola necesidade de expor a orixe do desequilibrio que amosan as contas do 19’, en termos de contabilidade nacional; porén, non ten nin terá ningunha outra consecuencia para o Concello de Lugo xa que o feito de presentar e ter aprobado xa o presuposto deste ano é suficiente para corrixir a anomalía, sin necesidade de ter que artellar ningunha outra medida estrutural”, indicou.

“Só co feito de que o orzamento de 2020 estea en vigor, xa serve para recuperar o obxectivo de cumprimento da regra de gasto, mais a elaboración deste Plan permitiunos á súa vez facer unha diagnose sobre o estado de saúde das contas municipais e o resultado – subliñou – non pode ser mellor”.

Así, a responsable da área económica, destacou a “excelencia financeira da institución, en tanto reflicte un superávit que ronda os 10 millóns de euros, dispón dun aforro neto superior a un millón e mantén un índice de endebedamento do 0’0%, tres factores que non só constatan a capacidade de financiamento da administración local senón que tamén amosan que cumprimos, sobradamente, co principio de estabilidade orzamentaria”.

Paula Alvarellos referiu tamén que o Concello conta, asemade, cun considerable remanente de tesourería e que nestes momentos o período medio de pago a proveedores atópase, segundo os últimos datos publicados, nos 14 días, por debaixo da metade do prazo estipulado na lei.

“Resulta, por tanto, indiscutible, a solvencia do Concello de Lugo, froito dunha xestión rigorosa e responsable á que tamén agora se debe a capacidade resolutiva que amosou o executivo durante a xestión do Estado de Alarma para deseñar e desenvolver con celeridade unha extensa batería de medidas co fin de que a poboación puidese facer fronte ás consecuencias asistenciais e económicas da pandemia”, concluíu a concelleira en alusión, entre outras, ao Plan Reanima, ao pagamento de máis de 15 millóns de euros en facturas aos provedores municipais, á exención e aprazamento de taxas como o IBI, o ICIO, etc ou o mantemento do emprego nas empresas concesionarias do Concello que beneficiou a máis de 700 familias.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre o Plan Económico e Financeiro | Descargar mp3

Noticias relacionadas