O Goberno de Lara Méndez pagou en xullo 5,3 millóns de euros a provedores cun período medio de pago de 8 días

Durante todo o 2020 pagáronse máis de 28 millóns de euros en facturas sempre por debaixo de tempo que fixa a lexislación, “facilitándolles liquidez ás empresas”

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sostén que “traballamos para poder pagar de xeito rápido porque é importante para a supervivencia de moitas pemes”

Venres, 04 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez pagou en xullo 5,3 millóns de euros a provedores cun período medio de pago de 8 días

O Executivo de Lara Méndez reduciu a 8,01 días o Período Medio de Pago (PMP) aos provedores do Concello de Lugo no último mes contable pechado, que é xullo, debaixo do límite legal, establecido en 30 días. Así o anunciou a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, que avanza que “levamos meses traballando co fin de reducir os prazos de pago nun momento no que, máis que nunca, o tecido empresarial local debe contar coa suficiente liquidez”.

Segundo a edil de Economía, no que vai de ano o Concello abonou un importe total de 28.444.672 euros en facturas, e sempre por debaixo do límite legal “porque sabemos da importancia que ten o pronto pago para ás empresas, especialmente as pequenas e medianas”.

Esta mellora nos tempos está directamente relacionada coas novas medidas que se foron adoptando nos pasados meses “tales como a simplificación de trámites e a diminución dos protocolos administrativos para xerar novas dinámicas de funcionamento, moito máis áxiles, que redundasen non só na efectividade interna senón tamén na redución dos tempos cos que se atende aos requirimentos da cidadanía”, segundo apuntou a concelleira.

O PMP, como establece a normativa estatal actual, resulta dos días naturais que de media transcorren entre a data de aprobación das certificacións da obra ou servizo ata o pago efectivo.

Noticias relacionadas