O Goberno de Lara Méndez inviste 50.000 euros na peonalización da Rúa do Esquecemento dando resposta a unha petición veciñal

A alcaldesa de Lugo mantivo un encontro este venres con residentes para presentarlles o proxecto, co que o Concello modernizará esta vía, situada no barrio da Milagrosa.

Lara Méndez: “Recibimos numersoas peticións, a través do Muramiñae Rehabilita, para levar a cabo esta actuación, coa que gañamos espazo para a cidadanía”.

Os traballos inclúen o peche ao tráfico rodado, a excepción do acceso a garaxes, a execución dun pavimento peonil, e a dotación de mobiliario urbano e iluminación.

“Instalaremos parklets, unha solución novidosa coa que melloramos a calidade da paisaxe urbana, ao tempo que ampliamos as zonas verdes”, avanzou a rexedora.

Venres, 26 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez inviste 50.000 euros na peonalización da Rúa do Esquecemento dando resposta a unha petición veciñal

O Goberno de Lara Méndez acometerá a peonalización e humanización da Rúa do Esquecemento, cun investimento próximo aos 50.000 euros. A rexedora de Lugo mantivo un encontro este venres cos veciños e veciñas desta vía, situada no barrio da Milagrosa, para trasladarlles o proxecto co que o Concello modernizará e mellorará a rúa, gañando un novo espazo de socialización para a veciñanza. As obras, que comezaron no día de hoxe, estarán rematadas nun prazo aproximado de tres semanas.

Lara Méndez apuntou que “con esta actuación, coa que peonalizaremos unha vía de 100 metros de lonxitude, damos resposta a unha demanda veciñal, pois foron numerosas as peticións que recibimos, a través do proceso de participación cidadá do Plan Muramiñae Rehabilita, para acondicionar e restrinxir a circulación de vehículos nesta rúa, gañando espazo para os peóns e unha nova zona de esparexemento e de conexión social para o conxunto da veciñanza”.

A alcaldesa apuntou que “buscamos a consecución dun espazo máis humano e utilizable polo cidadán, facendo máis agradable o paso do mesmo pola vía e fomentar a socialización, cando as condicións meteorolóxicas o permitan. Para iso, instalaranse parklets, estruturas de descanso que inclúen vexetación, unha solución novidosa, coa que melloramos a calidade da paisaxe urbana, ao tempo que ofrecemos novos espazos de socialización e ampliamos as zonas verdes da cidade”.

Para cumprir estes obxectivos executarase un pavimento a cota das actuais beirarrúas, sen barreiras arquitectónicas de ningún tipo, e a instalación dun conxunto de dous bancos e mobiliario urbano tipo parklet dotado de iluminación propia, a través de tiras led conectadas á iluminación pública.

Así, o proxecto contempla, por unha banda, o peche da rúa ao tráfico rodado, con excepción de residentes e servizos de subministración aos negocios existentes, e por outra, a execución dun pavimento peonil sobre o asfaltado actual, o recrecido dos pozos de rexistro existentes no firme viario, así como a dotación de mobiliario urbano e nova iluminación.

Actualmente, a Rúa do Esquecemento é unha vía de carril único e dobre sentido de circulación, de uso practicamente exclusivo por parte dos residentes e dos usuarios dos garaxes dos edificios adxacentes. Trátase dunha rúa cega, xa que aínda que os peóns si poden comunicarse a través dela entre a Rúa do Camiño Real e a Avenida da Coruña, só hai unha única entrada e saída para os vehículos.

Esta actuación enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo

Traballos a realizar

En primeiro lugar procederase á retirada dos bolardos de aceiro e á eliminación de rebaixes existentes na beirarrúa para o acceso dos vehículos aos garaxes. Neste primeiro bloque de actuacións inclúese tamén a retirada de dous sinais de prohibido aparcar e o seu remplazo por dous sinais de dirección prohibida, nos postes existentes.

A continuación, executarase un pavimento peonil sobre o asfalto e en substitución da beirarrúa actual, ata a cota de beirarrúa existente deixando na anterior unión aceira-vía un canlón prefabricado, para a evacuación de pluviais. Tamén se levará a cabo o recrecido das tapas dos pozos de rexistro existentes no pavimento actual.

O pavimento peonil seleccionado consistirá nunha capa duns 15 cm de espesor sobre o antigo firme do vial, ata enrasar con beirarrúa existente, de formigón con acabado impreso e unha capa de espesor duns 10 cm en substitución da beirarrúa existente, para a execución da cal haberá que realizar un rebaixe na soleira duns 5 cm.

Por último, instalarase un conxunto de ítems de mobiliario urbano ou parklets que conformarán un espazo de sociabilización e descanso. Neste senso, será necesaria a instalación dun sistema de ancoraxe independente sobre o pavimento existente. En concreto, instalaranse dous parklets de 11,60 e 9,60  m2 de superficie respectivamente.

Actuacións coas que Lugo gaña espazos de convivencia

Este proxecto súmase aos traballos de peonalización e humanización que o executivo municipal puxo en marcha nos últimos anos, cos que se busca gañar espazo para os peóns e novas zonas de convivencia interxeracional. Así, xa se levou a cabo a peonalización da Praza da Milagrosa e da rúa Vila de Sarria, mentres que continúan a avanzar as obras de Quiroga Ballesteros.

Ademais, os traballos de peonalización da Mosqueira xa foron adxudicados e comezarán proximamente, mentres que o Concello traballa no deseño de novas zonas libres de tráfico en puntos da cidade como a Calzada da Ponte ou Rafael de Vega.

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as obras naRúa do Esquecemento | Descargar mp3

 

Multimedia

  • O Goberno de Lara Méndez inviste 50.000 euros na peonalización da Rúa do Esquecemento dando resposta a unha petición veciñal
  • O Goberno de Lara Méndez inviste 50.000 euros na peonalización da Rúa do Esquecemento dando resposta a unha petición veciñal
  • O Goberno de Lara Méndez inviste 50.000 euros na peonalización da Rúa do Esquecemento dando resposta a unha petición veciñal

Noticias relacionadas