O Goberno de Lara Méndez destinará os 532.279 euros do Plan Único ao acondicionamento de estradas en 10 parroquias do rural

A Xunta de Goberno Local aprobará mañá estas actuacións que desenvolve a concellaría de Medio Rural e que beneficiarán directamente a 1.600 lucenses.

Lara Méndez: “No que levamos de mandato, investimos máis de 2 millóns en infraestruturas do rural, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños”.

Na sesión desta semana o equipo de goberno autorizará, así mesmo, a concesión de cinco licenzas para acometer diferentes actuacións urbanísticas.

Martes, 09 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez destinará os 532.279 euros do Plan Único ao acondicionamento de estradas en 10 parroquias do rural

O Goberno de Lara Méndez destinará os fondos do Plan Único 2021 integramente a melloras no rural. Así o avanzou a rexedora, quen informou que o executivo municipal levará á Xunta de Goberno Local de mañá esta programación, dotada de 532.279 euros, coa que se acometerá o acondicionamento de estradas en 10 parroquias do municipio.

“Estas actuacións beneficiarán directamente aos preto de 1.600 veciños que viven nas parroquias de Camoira, Tirimol, Pedreda, Santo André de Castro, San Mamede dos Anxos, Calde, San Pedro de Mera, Vilachá de Mera, Prógalo e Poutomillos, e que utilizan as vías municipais a diario para efectuar os seus desprazamentos”, segundo subliñou o concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández.

Pola sua banda, Lara Méndez lembrou que “no que levamos de mandato, investimos máis de 2 millóns de euros en infraestruturas e servizos do rural, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas, incrementando a seguridade viaria dunha trintena de estradas, ampliando as redes de abastecemento en varios núcleos, así como os puntos de luz, entre outras actuacións”.

Da achega total do Plan Único de Cooperación cos Concellos, a Deputación aportará 500.000 euros e os restantes 32.279,80 achegaraos o Concello. Os traballos que se levarán a cabo son os seguintes:

  1. Mellora do firme da estrada municipal da Igrexa de Camoira ao núcleo de Maira. Parroquia de Camoira, con 27.995,08 euros
  2. Mellora do firme da estrada municipal dende O Vilardón ao límite municipal co Concello de Outeiro de Rei. Parroquia de Tirimol, con 50.672,77 euros.
  3.  Mellora do firme da estrada municipal da N-640 (estrada de Meira) a Pedreda. Parroquia de Pedreda, con 87.075,63 euros.
  4. Mellora do firme da estrada municipal de Conturiz a Cardoso. Parroquias de Santo André de Castro e San Mamede dos Anxos, con 96.533,22 euros.
  5.  Mellora do firme da estrada municipal da N-540 á estrada de Bazar e de N-540 ao núcleo de O Corral de Abaixo. Parroquia de Calde, con 69.347,62 euros.
  6.  Mellora do firme da estrada municipal da LU-P-2901 á Igrexa de San Pedro de Mera. Parroquia de San Pedro de Mera, con 19.731,60 euros.
  7.  Mellora do firme da estrada municipal da LU-P-2903 ao Rego do Mera. Parroquia de Vilachá de Mera, con 64.902,26 euros.
  8.  Mellora do firme da estrada municipal da LU-P-2903 a Prógalo. Parroquia de Prógalo, con 39.527,43 euros.
  9.   Mellora do firme da estrada municipal da LU-P-2901 á LU-P2901 en Poutomillos. Parroquia de Poutomillos, con 76.494,19 euros.

Autorización de 5 licenzas urbanísticas

Por outra banda, na sesión desta semana o equipo de goberno autorizará a concesión de cinco licenzas para acometer diferentes actuacións urbanísticas no termo municipal entre as que destacan a agrupación e reforma de dúas naves no polígono do Ceao (183.212 €), a legalización das obras efectuadas nunha vivenda tradicional de Galegos (48.582 €) e nun centro de formación na rúa Río Lor (60.112 €), así como o acondicionamento da planta baixa dun edificio, sito na Praciña da Universidade, para albergue turístico (97.093 €).

Noticias relacionadas