O Goberno de Lara Méndez destina 317.000 euros en axudas para a promoción e o fomento do deporte lucense

O Concello busca apoiar a clubs, federacións e outras entidades deportivas tanto no desenvolvemento de actividades como a sufragar os seus gastos xerais.
 
As solicitudes deberán presentarse de maneira telemática no prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación das axudas no BOP.
Sábado, 10 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez destina 317.000 euros en axudas para a promoción e o fomento do deporte lucense
O executivo de Lara Méndez, a través da concellaría de Deportes, co edil Mauricio Repetto ao fronte, destinará 317.000 euros nunha liña de axudas para as entidades deportivas e asociacións sen ánimo de lucro co obxecto de promover e o fomentar o deporte e a actividade física no concello de Lugo.
 
As bases foron aprobadas esta semana na Xunta de Goberno Local. As subvencións, enmarcadas no Plan Estratéxico para o período 2020-2022 impulsado pola rexedora, irán dirixidas tanto a axudar a sufragar os gastos xerais como ao desenvolvemento de actividades.
 
A alcaldesa sostén “que un dos nosos obxectivos é contribuír a xerar hábitos saudables entre a veciñanza poñendo en valor a práctica deportiva, polo que cremos que é clave complementar e reforzar o labor que realiza a sociedade civil no eido da práctica deportiva en Lugo”.
 
Poderán optar a estas axudas todos os clubs e asociacións legalmente constituídos e domiciliados no Concello, que deben estar inscritos no Rexistro Municipal de asociacións, estar ao corrente das súas obrigas tributarias e ter xustificados debidamente os gastos correspondentes a subvencións concedidas con anterioridade polo Concello.
 
Os e as interesadas poderán presentar as súas solicitudes por medios electrónicos, ben a través da sede electrónica do Concello de Lugo (www.lugo.gal) ou a través de calquera dos rexistros electrónicos das administracións públicas, no prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da provincia.
 
Para valorar as solicitudes e distribuír as axudas se terán en conta criterios como o número de licenzas, o número de equipos en Ligas Nacionais, Galegas ou Provinciais, os deportistas participantes en campionatos galegos ou provinciais, entre outras.

Noticias relacionadas