O Goberno de Lara Méndez deixa a cero a débeda bancaria do Concello, mantendo os investimentos

A Alcaldesa anunciou a amortización dos 4,3M€ que restan do endebedamento a través de dúas modificacións orzamentarias aprobadas hoxe pola Xunta de Goberno, que serán elevadas ao Pleno do vindeiro xoves

“Acadamos este fito económico mantendo o nivel de investimentos, que nos dous últimos anos se situou nuns 900 euros por lucense e sen subir o esforzo fiscal á cidadanía, senón que mesmo o baixamos nalgunhas taxas e impostos”

“Eliminar a carga financeira é unha decisión política: temos unha administración saneada, sostible e solvente, que conta con recursos non financeiros suficientes para afrontar os investimentos, grazas aos 22M€ que conseguimos da UE”

“É unha decisión histórica: desaparece a débeda por primeira vez en 30 anos no Concello, que se converte na segunda grande cidade galega en conseguilo, despois de Vigo”

“É unha decisión responsable, polas vantaxes que leva consigo: permite destinar o superávit a investimentos” 

Mércores, 18 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez deixa a cero a débeda bancaria do Concello, mantendo os investimentos

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este mércores que a débeda bancaria do Concello quedará a cero tras a aprobación de dous expedientes de modificación de crédito para amortizar os 4,3 millóns de euros de endebedamento que restaban. A Xunta de Goberno aprobou hoxe estes expedientes, que serán elevados ao Pleno na vindeira sesión ordinaria do 26 de outubro, coa estimación de que a amortización sexa efectiva a mediados de decembro.

“Só tras dous anos e medio de mandato, este Goberno elimina a carga financeira do Concello, mantendo ao mesmo tempo, algo moi importante, o nivel de investimentos e sen subir o esforzo fiscal á cidadanía, senón que mesmo o baixamos nalgunhas taxas e impostos”, subliñou a Alcaldesa, aludindo á bonificación do 50% no ICIO, xa en vigor, e a do 95% no IBI, aprobada hoxe tamén pola Xunta de Goberno, das explotacións gandeiras, agrícolas e forestais, ou a exención, tamén aprobada hoxe polo Executivo, tanto da taxa pola prestación do servizo de comida no fogar a persoas en exclusión social, como de determinadas matrículas da Escola Municipal de Música.

Como mostra de que o Goberno mantén os investimentos ao tempo que elimina a débeda, Méndez apuntou que, segundo reflicte a Conta Xeral, “o gasto por habitante nos pasados dous exercizos foi de preto de 900€ e o endebedamento foi baixando de maneira progresiva”.

A Alcaldesa, que estivo acompañada pola Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, lembrou que “o Goberno de Orozco iniciou a senda de reducción da débeda, chegando a baixala en máis dun 36%, ao pasar dos 43,5M€ que había no ano 1999 a 22,5M€, cantidade da nós partimos no 2015 para deixala neste 2017 a cero”.

“Este fito económico”, explicou a rexedora, “demostra que temos unha Administración completamente saneada, sostible e solvente, e é froito da combinación de tres factores: a amortización paulatina da débeda cos bancos; non concertar novos préstamos bancarios dende hai catro exercizos; e a captación de recursos non financeiros, fundamentalmente da Unión Europea, para facer investimentos”. Lara Méndez lembrou que o Goberno conseguiu nos dous primeiros anos de mandato 22 millóns de euros de fondos europeos, “que nos permiten afrontar inversións que seguirán transformando a cidade e mellorando a calidade de vida dos lucenses, como o fixo o URBAN”.

Decisión política

A Alcaldesa subliñou que deixar a débeda do Concello a cero “é unha decisión  política, histórica e responsable”. É unha decisión política porque, “se ben é certo que a táboa rasa imposta polo Goberno central do PP nos obriga ás administracións economicamente saneadas a amortizar débeda, aínda tendo superávit, é tan certo que eliminar a carga financeira do Concello é unha decisión política, porque temos a capacidade para facelo, xa que temos unha Administración saneada, sostible e solvente, pois dispón de recursos non financeiros suficientes para afrontar, sen recorrer a préstamos, tanto os gastos correntes, como os investimentos”.

Decisión histórica

É unha “decisión histórica” porque “este Goberno deixa sen débeda financeira algunha ao Concello por primeira vez en máis de 30 anos, e  convértese na segunda gran cidade de Galicia, despois de Vigo, en conseguilo”

Decisión responsable

Trátase dunha “decisión responsable polas vantaxes que leva consigo: ao desaparecer a carga financeira, deixamos de pagar intereses polos préstamos bancarios e deixamos de destinar recursos a amortizar débeda, co que estes cartos poderanse dedicar a novos investimentos para os veciños e veciñas de Lugo; o ano pasado pagamos máis de 9M€ entre intereses e amortización; teremos máis autonomía para executar o Orzamento, pois xa non existe a obriga de destinar os aforros ao pago da débeda, porque xa non a temos, co que estes fondos quedarán liberados para destinar a investimentos; e queda totalmente garantida a sostibilidade económica e a credibilidade do Concello, pois non depende de préstamos para afrontar os gastos: nin os correntes, nin os investimentos”.

Percorrido administrativo

Os dous expedientes de modificación orzamentaria aprobados hoxe pola Xunta de Goberno para deixar a cero a débeda financiera do Concello son por un importe de 3.876.772,64 euros e 442.975,92€, que suman en total, 4.319.748,56€.

A Concelleira de Economía explicou que, unha vez aprobados polo Goberno, “abordaremos estes expedientes na Comisión de Contas que convocaremos para o vindeiro luns, día 23, e logo elevarémolos para o seu debate e aprobación ao Pleno ordinario do 26 de outubro. Confiamos en que os grupos políticos da oposición saiban ler a transcendencia económica que ten para o futuro da cidade e dean o seu apoio a esta decisión responsable e histórica”.

Tras o seu paso polo Pleno, “os expedientes expoñerase ao público durante 15 días, período tras o que, no caso de presentarse alegacións, deberemos resolvelas e volver a levar as propostas ao Pleno, e, de non habelas, xa se produciría a aprobación definitiva”, asegurou Ana Prieto.

Audios

  • Lara Méndez, sobre a débeda cero bancaria do Concello | Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre a decisión política, histórica e responsable | Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre a débeda cero, mantendo investimentos e sen subir esforzos | Descargar mp3

Noticias relacionadas