O goberno de Lara Méndez dá o primeiro paso para materializar o I Plan Socio - Laboral Muramiñae Rehabilita

Esta mañá a Xunta de Goberno aprobaba a memoria valorada e a execución do proxecto así como as bases de selección que permitirán contratar a 24 peóns de obra para acometer melloras en dez barrios da contorna Dusi

Na sesión desta semana, o executivo local autorizaba tamén catro licenzas urbanísticas dúas delas para construír sendos edificios de vivendas nas rúas Santiago e na avenida Vila Verde

Mércores, 11 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O goberno de Lara Méndez dá o primeiro paso para materializar o I Plan Muramiñae Rehabilita, un programa de intervención socio-laboral que permitirá desenvolver, durante seis meses, obras de mellora en dez barrios da cidade enmarcados na zona DUSI, ao mesmo tempo que se lle dá unha oportunidade laboral a colectivos vulnerables.

A Xunta de Goberno aprobaba hoxe tanto a memoria valorada e a execución do proxecto como as bases para a selección dos 24 peóns de obra que serán contratados polo Concello, dende as áreas de Benestar e Desenvolvemento Local e Emprego.

“Unha iniciativa – segundo a presentaba a alcaldesa, Lara Méndez - que pretende a promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza a través da inserción laboral e que, dentro das liñas de acción que fixa a estratexia europea DUSI, persegue a integración da trama urbana co río Miño tanto no que ten que ver coa súa rexeneración física como tamén nas vertentes económica e social da área que pertence a esta contorna fluvial”.

En total, crearanse 3 brigadas, conformadas por 27 persoas: 8 peóns e un capataz en cada unha. As bases, ratificadas polo executivo local esta mañá, darán preferencia ás e aos desempregados de longa de duración, mulleres, maiores de 55 anos, mozas e mozos menores de 30 atendidos polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil así como a aquelas persoas que se atopen nunha situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos Servizos Sociais.

A rexedora sinalou que “as brigadas encargaranse de realizar labores de xardinería e arranxos medioambientais, albanelaría e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana nos barrios DUSI; é dicir, Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lázaro, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e Saamasas”.

“Trátase, sen dúbida – subliñou Méndez – dunha importante oportunidade laboral que ademais irá acompañada dun traballo de capacitación que inclúe formación en habilidades sociais e laborais”.

O investimento deste primeiro Plan “Muramiñae Rehabilita” ascenderá a 671.000 euros, do que o Concello cofinancia o 20% e o resto procede de fondos FEDER .

Por outra banda, entre os asuntos máis destacados que se abordaron na sesión da Xunta de Goberno desta mañá, outorgáronse catro licenzas urbanísticas. Dúas delas autorizando a construción dun edificio de vivendas na rúa Santiago, por importe de 575.126’47€ e outro na Avenida Vila Verde orzamentado en 1.026.894’908€, cun prazo de execución de 30 e 36 meses, respectivamente. Ademais autorizouse a instalación dun ascensor nun inmoble residencial de Doutor Gasalla e a reforma da fachada dun local comercial na Avenida da Coruña.

Noticias relacionadas