O goberno de Lara Méndez asina unha batería de contratos menores para executar obras municipais e reactivar así o sector da construción

Mellorar o acceso á cafetería do Vello Cárcere ou corrixir as deficiencias que presenta a sede da Policía Local son algunhas das actuacións que xa se están desenvolvendo para propiciar a recuperación económica no concello

A área de arquitectura tramita estes expedientes para axilizar os procedementos dirixidos, especialmente, ás pequenas empresas que se nutren deste tipo de licitacións

Esta, xunto ao outras medidas xa en vigor, como o aprazamento do ICIO e da taxa pola prestación de Servizos Urbanísticos, tratan de dotar de maior liquidez ao tecido produtivo local, contribuíndo ao mantemento do emprego

Xoves, 21 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez asina unha batería de contratos menores para executar obras municipais e reactivar así o sector da construción

O goberno de Lara Méndez vén de asinar unha batería de contratos menores para executar varias obras municipais.

Intervencións cuxa importancia radica, máis que no seu custo, na función que cumpren: “reactivar o sector da construción, especialmente aos pequenos negocios que se nutren deste tipo de licitacións. Os traballos previstos non son dunha gran entidade económica pero, precisamente por iso a xestión dos procedementos é moito máis dilixente e inmediata o que contribuirá a que as empresas que os asumen tomen, de novo, alento, tras esta longa pausa á que obrigou o confinamento”, afirmou o edil de Urbanismo Sostible.

Trátase, entre outras, da mellora dos accesos á cafetería do Vello Cárcere para posibilitar que conte cunha entrada e saída independente ao inmoble. Unha actuación que foi recentemente adxudicada por un importe de 29.989’52 euros.

“Tamén se abordará o acondicionamento da cuberta do edificio da Policía Local, co fin de corrixir definitivamente o problema de filtracións que padecen estas instalacións así como os danos ocasionados pola auga e outras deficiencias derivadas de erros estruturais”, explicou Miguel Couto ao tempo que indicou que estes arranxos serán financiados coa partida procedente do aval (50.000€) que se lle incautou á empresa construtora, responsable, en última instancia, desas eivas. O concelleiro referiu que, de igual xeito, nos próximos días procederase a pechar cun valado perimentral a parcela na que se atopa a Casa da Xuventude e a refacer un muro lateral da fachada que presenta gretas debido ao empuxe do terreo; e, por outra banda, “se modificará a distribución dos despachos, ademais de acondicionar o pavimento e o falso teito na Casa da Muller para que o servizo gañe en habitabilidade e confort en beneficio do persoal e das propias usuarias”.

“Expedientes, todos eles, de tipo menor, que xa se están preparando a nivel documental dende a área da arquitectura co ánimo de axilizar ao máximo posible a súa tramitación para que as empresas do gremio poidan inicialas e facturalas canto antes”, abondou Couto.

A medida, que se suma a outras xa impulsadas dende o inicio do Estado de Alarma polo executivo local, é outra mostra máis do compromiso adquirido pola rexedora cos representantes da APEC para abordar a recuperación do sector.

“Levamos, dende o inicio da crise sanitaria, en permanente contacto co total do tecido produtivo, de maneira que, de forma continuada, estanse a dar pasos para procurar que se retome toda actividade, especialmente naqueles eidos máis afectados pola pandemia, ben pola cantidade de emprego que depende deles, ben polo volume de negocio e, agora, de perdas que están a sufrir”, subliñou o edil.

O responsable de Urbanismo Sostible lembrou, alén, que dende este mes de maio a cidadanía lucense xa pode agardar á concesión da licenza ou á comunicación de conformidade para liquidar a Taxa pola prestación de Servizos Urbanísiticos e o ICIO.

“Dous impostos, que suman uns ingresos superiores aos 2 millóns de euros anuais para as arcas municipais e que, se ben ata a data, debían abonarse por adiantado, no momento da presentación da solicitude, agora se adían ata a resolución administrativa para dotar de maior liquidez a promotores e particulares”, concluíu Miguel Couto, “ao que tamén axudará o aprazamento doutros gravames municipais, como o IBI, pospostos con anterioridade”.

Audio

  • O edil Miguel Couto, sobre a execución das obras menores municipais | Descargar mp3

Noticias relacionadas