O Goberno de Lara Méndez aproba a concesión de 161 novas axudas enmarcadas no Plan Reanima, por un importe total de 160.000 euros

Trátase de axudas a lucenses que estaban pendentes de liquidar as súas débedas co Concello para poder percibir esta prestación

En total, 2.977 familias, pemes e autónomos son os beneficiarios desta programación, que inxectará na economía local aproximadamente 3 millóns

Por outra banda, aprobouse unha listaxe de 495 desestimados para os que se abre o prazo dun mes para interpoñer recurso de reposición

Xoves, 10 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez aproba a concesión de 161 novas axudas enmarcadas no Plan Reanima, por un importe total de 160.000 euros

O executivo de Lara Méndez aprobou na Xunta de Goberno Local a concesión de 161 novas axudas enmarcadas dentro do Plan Reanima, por un importe total de 160.230 euros. Trátase de axudas a lucenses que estaban pendentes de liquidar as súas débedas co Concello para poder percibir esta prestación. Así, tras finalizar o pasado 22 de xullo o prazo habilitado a tal efecto, este mércores aprobouse a relación definitiva das solicitudes estimadas e desestimadas, que foi publicada hoxe na páxina web municipal.

Deste xeito, o número total de solicitudes estimadas ascende a 2.997 das 3.492 presentadas, supoñendo un importe total de 2.788.640 euros, resultando desestimadas 495 peticións, que non se axustaban ás bases da programación ou que non reunían a documentación requirida. Das 161 novas axudas concedidas, 144 corresponden coa Liña 1 da programación, para o impulso económico e a protección do emprego, por un importe de 158.130 euros; e 17 coa Liña 2, de apoio á conciliación da vida familiar e laboral, por un total de 2.100 euros.

Por outra banda, a partir de hoxe ábrese un prazo dun mes para que as persoas cuxa solicitude resultou desestimada poidan interpoñer recurso de reposición. O Plan Reanima supuxo a apertura de 5.156 expedientes, o que se traduce nun volume moi elevado de documentación.

Son, polo tanto, 2.977 familias, pemes e autónomos os beneficiarios desta programación, que inxectará na economía local case 3 millóns de euros para protexer os postos de traballo e paliar a redución de ingresos que supuxo a pandemia. Ademais, o goberno de Lara Méndez decidiu que os 2 millóns de euros que non se esgotaron nesta primeira fase do Reanima, para o que se destinaron inicialmente 5 millóns, serán destinados a un segundo plan de apoio aos axentes económicos do municipio para darlle un novo pulo á súa reactivación.

Volume de consultas

A necesidade deste Plan reflectiuse asemade no interese que espertou, xa que dende o 010 atendéronse máis de 7.000 chamadas ás que cómpre engadir as preto de 900 consultas realizadas a través dos teléfonos directos do Plan Reanima, os 1.000 correos electrónicos atendidos ou o asesoramento online ofrecido a máis dun cento de asesorías locais.

Noticias relacionadas