O Goberno de Lara Méndez anima a achegar propostas no Foro de Participación Cidadá para os actos conmemorativos do 25N

“Traballamos en medidas reais de prevención e visibilización para erradicar a violencia machista e en recursos para combatir esta lacra”, subliñou a Concelleira de Muller e Igualdade.

Venres, 29 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez anima a achegar propostas no Foro de Participación Cidadá para os actos conmemorativos do 25N

O Foro de Participación Cidadá en materia de igualdade reuniuse esta mañá no Salón de Plenos para abordar, entre outros temas, a organización dos actos conmemorativos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25-N, que xirarán ao redor dunha campaña de sensibilización sobre a violencia de xénero no medio dixital.

O Foro está presidido pola edil Ana G. Abelleira, e forman parte del representantes de todas as formacións políticas que compoñen a Corporación Municipal, así como representantes sindicais e asociacións veciñais, empresariais e do ámbito da igualdade.

No marco desta iniciativa, segundo explicou a concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, estase a traballar, entre outras iniciativas, na realización de campañas online a través da web e RRSS así como en levar a cabo actividades cos alumnos e alumnas dos institutos en horas lectivas, unha iniciativa que pretende “chegar aos/ás máis novos/as”. Alonso animou aos asistentes ao foro a enviar propostas dende hoxe ata o vindeiro 8 de novembro para que “a programación de actividades con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero sexa o máis participativa posible”.

Noutra orde de asuntos, trasladouse tamén durante o encontro un informe das diferentes actividades levadas a cabo pola concellería de Muller e Igualdade, destacando entre as mesmas o roteiro e o concerto homenaxe a Xela Arias con motivo do Día das Letras Galegas, a celebración do día do orgullo LGTBIQA+, que contou con con numerosas actividades lúdicas e culturais referidas á diversidade.

Xa máis recentemente, destacan a organización do roteiro polo Vello Lugo Agrario, con motivo da celebración do Día da Muller Rural, o pasado 16 de outubro e a presentación do libro Libres e Vivas, un acto ao que acudiron 220 alumnos de 4º da E.S.O e 1º de B.A.C de distintos institutos da cidade, onde a Concellería de Muller asumiu a reedición de 2.000 exemplares, que se repartiron “entre os mozos e mozas para aumentar a necesaria concienciación contra as violencias machistas”, apuntaba a edil.

En materia de formación especializada en violencia de xénero salientouse a recibida nestes meses por 15 axentes da Policía Local a través do curso “Poligen”, con vistas a posta en marcha do VioGen, e as accións levadas a cabo dentro do programa socioeducativo de prevención, para alumnos da E.S.O. dos IES de Lugo.

O Foro de Participación Cidadá, tamén aproveitou a ocasión para aclarar dúbidas sobre o IV Plan de Igualdade do Concello de Lugo 2021-2024, que está ultimando detalles para ser aprobado..

Multimedia

  • O Goberno de Lara Méndez anima a achegar propostas no Foro de Participación Cidadá para os actos conmemorativos do 25N

Noticias relacionadas