O Goberno dá o 1º paso para crear en Lugo un barrio multiecolóxico, pioneiro en España

É unha acción enmarcada no proxecto Life Lugo+Biodinámico, que sitúa a Lugo na vangarda do desenvolvemento urbano sostible e a introdución en Galicia dun novo modelo productivo baseado na madeira como elemento estrutural de construción, o que dinamizará a economía do rural e fixará poboación

Ademais de edificios con madeira, no barrio multiecolóxico, previsto na Garaballa, aplicaranse as solucións de deseño urbano recollidas no primeiro catálogo en Europa de medidas urbanísticas para a adaptación ao cambio climático que ultima o Concello, tamén dentro do Life

Esta estratexia financiada con fondos europeos, na que a entidade local conta como socios colaboradores coa Deputación, o Campus Terra e a Universidade Politécnica de Madrid, é peza central no modelo de cidade do Goberno, que une de maneira indisoluble o urbanismo e a sostibilidade

Mércores, 13 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lara Méndez deu este mércores o primeiro paso de cara á creación dun barrio multiecolóxico en Lugo, pioneiro en España, coa licitación do contrato para o deseño da planificación urbanística do mesmo, proxectado en dous sectores da zona da Garaballa, (no entorno da área comercial As Termas), que a día de hoxe están sen desenvolver. Esta acción forma parte do proxecto Life Lugo+Biodinámico, unha estratexia financiada con fondos europeos, que sitúa a Lugo na vangarda do desenvolvemento urbano sostible e a introducción dun novo modelo productivo en Galicia coa utilización da madeira como elemento estrutural de construción, o que dinamizará a economía do rural e fixará poboación.

Así o avanzou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen lembrou que “nesta estratexia de vangarda, dotada con 3,5M€, contamos como socios colaboradores coa Deputación de Lugo, o Campus Terra e a Universidade Politécnica de Madrid”.

No primeiro barrio multiecolóxico de España, ademais de edificios construídos con madeira como elemento estrutural de construción, aplicaranse as solucións de deseño urbano recollidas no que será o primeiro catálogo en Europa de medidas para a adaptación ao cambio climático que o Concello xa está ultimando, tamén dentro do Life Lugo+Biodinámico.

Estas solucións de deseño urbano van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo, no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. Tamén haberá medidas de aforro enerxético coa simple orientación dos viais, zonas verdes ou edificios, buscando aproveitar o sol e os ventos dominantes.

O contrato para a planificación do barrio, aprobado hoxe pola Xunta de Goberno, ten un importe de 156.000€ e un prazo de execución de 10 meses. As empresas interesadas terán un prazo de 45 días naturais para a presentación de ofertas dende a publicación da convocatoria no Perfil do Contratante.

O desenvolvemento dun barrio multiecolóxico é unha liña de actuación do Life que complementa a construción do que será o primeiro edificio de Galicia con madeira galega, Impulso Verde, que se localizará no mesmo ámbito da Garaballa, cuxo proxecto foi presentado e está pendente de licitación.

Instrumento de Planeamento

En base a esta experiencia piloto de planificación urbana sostenible –o barrio multiecolóxico- o Concello impulsará, como terceira fase, unha ordenanza –un Instrumento de Planeamento Guía de Adaptación Climática-, para que en todos os sectores urbanísticos da cidade que están sen desenvolver, tanto de solo urbano non consolidado, como urbanizable, se apliquen de manera sistemática as solucións de deseño urbano recollidas no catálogo elaborado.

A planificación de solucións concreta para cada zona  establecerase en función do seu propio microclima, derivado de condiciones como a altura, pendente, incidencia sol ou ventos. Así, conseguiranse Zonas de Confort Climático: resilientes, enerxeticamente eficientes e preparadas ante temperaturas extremas e para evitar inundacións por choivas torrenciais.

Pulmón verde urbano

No marco do proxecto Life Lugo+Biodinámico, o Concello creou xa un novo pulmón verde urbano coa plantación de 15.000 exemplares de 60 especies arbóreas distintas entre As Gándaras e o Ceao (souto de castiñeiros, frondosas autóctonas, cultivos enerxéticos e arboretum galego), e recuperou o humidal das Gándaras-O Ceao, para o que pedirá á Xunta a declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) co fin de mellorar a protección e os usos sociais desta xoia ambiental.

O programa Life é un dos piares do modelo de cidade que impulsa o Goberno de Lara Mendez, que une de maneira indisoluble o desenvolvemento urbanístico e a sostibilidade. O obxectivo é facer de Lugo unha cidade inclusiva, máis rica en patrimonio natural e histórico e con maior capacidade cultural e de lecer, con máis ferramentas para desenvolver todo o seu potencial económico vinculado cos recursos naturais e co patrimonio histórico-cultural, potenciando, ademais, o turismo, referente na loita contra o cambio climático en entornos urbanos, coa sostenibilidade e a mobilidade por bandeira, e na vangarda económica, propulsora dun novo modelo produtivo.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o barrio multiecolóxico | Descargar mp3

Noticias relacionadas