O Goberno cumpre coa palabra dada á veciñanza e destina 300.000€ ao saneamento do rural no Orzamento deste ano

Pide que a Xunta complete este 30% de achega municipal co 70% restante para conseguir facer neste 2018 un investimento de 1M€ en obras de saneamento nas parroquias lucenses, tal e como foi acordado de maneira unánime polo Pleno e como propuxo no seu día o PP con Barreiro como Conselleiro

Luns, 29 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Cumprindo coa palabra dada aos veciños e veciñas do rural o pasado verán, o Goberno de Lara Méndez destina unha partida de 300.000€ nos Orzamentos deste ano, aprobados onte de maneira inicial, para avanzar na dotación da rede de saneamento ás 54 parroquias do municipio. O Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, subliñou que as contas do 2018 volven a demostrar deste xeito “o compromiso real e firme” do Executivo coa mellora da calidade de vida da veciñanza do  rural, reclamando ao mesmo tempo que a Xunta “cumpra tamén e complete este 30% de achega municipal cun 70% de fondos autonómicos para acadar un investimento de 1M€ en saneamento no rural lucense durante este ano, un compromiso, por certo, que foi adquirido polo PP con José Manuel Barreiro como Conselleiro e que foi acordado pola actual Corporación de maneira unánime o pasado mes de novembro”.

O tamén voceiro municipal lembrou de feito que a Alcaldesa pediu colaboración da Xunta nas dúas reunións que mantivo co Presidente galego, nos anos 2015 e 2017, encontros nos que lle plantexou como prioritario a dotación de saneamento, presentando mesmo proxectos para as parroquias de Orbazai, Adai, Meilán e Bocamaos.

“O saneamento non é xa unha necesidade, é un dereito. É certo que resulta custoso e que non temos capacidade económica para facelo todo á vez, pero iso non significa que non debamos ir avanzando, establecendo unhas prioridades, e ir consignando partidas orzamentarias ano a ano”, explicou Miguel Fernández.

Os 300.000€ de achega municipal forman parte da partida de 1,3M€ que destina a investimentos no rural o Goberno de Méndez no Orzamento 2018, que servirán para acometer melloras no alumeado, asfaltado e roza.

Acordo do Pleno

O voceiro lembrou que a Corporación aprobou no Pleno do pasado mes de novembro de maneira unánime esixir á Xunta de Galicia que reinvista de maneira íntegra o importe do canon da auga que pagan os lucenses (2,5M€ ata o día de hoxe) en infraestruturas hidráulicas para Lugo e que dispoña anualmente as partidas orzamentarias correspondentes para, en colaboración co Concello, nunha proporción de 70% administración autonómica e 30% entidade local, avanzar na execución das redes de saneamento.

Servizos no rural

Dende o inicio do mandato, o Concello avanzou na dotación de rede de abastecemento ás parroquias. De feito, a día de hoxe, o Goberno ten en previsión actuacións neste eido por importe de 315.000€. Unha vez rematadas as obras dos núcleos da Malladoira, Taboelle e O Cabalo, en Orbazai, prevé acometelas en Penarrubia (105.000€), o único núcleo sen traída de Orbazai, así como en Conturiz (43.000€), Santa María de Muxa (12.200€), e Bocamaos (154.200€). 

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o saneamento do rural no Orzamento deste ano | Descargar mp3

Noticias relacionadas