O Goberno convoca á veciñanza a erguer a man e tomar a palabra para facer Lugo entre todos, cos Orzamentos Participativos

Lara Méndez, acompañada de Rosana Rielo, anunciou a posta en marcha desta campaña, cuxa primeira fase, a de recollida de propostas, estará aberta ata o 9 de setembro. Pódese facer a través de loop.lugo.gal, no Rexistro Xeral ou en distintas xuntanzas que se celebrarán polos barrios

"Trátase de facilitarlle á veciñanza unha ferramenta de democracia participativa", pois con ela, os lugueses e luguesas poderán decidir o destino dunha parte dos recursos públicos, concretamente de 350.000€

Este proceso de participación veciñal persegue fomentar a participación a través dun exercicio público transparente, promover que a cidadanía pase de observadora a protagonista activa do que ocorre no seu municipio e mellorar a comunicación entre Concello e veciñanza

Venres, 27 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
P7271223

O Goberno de Lugo vén de poñer en marcha os Orzamentos Participativos, coa finalidade de que a cidadanía luguesa erga a man e tome a palabra, que decida en que e en onde se invistan os orzamentos municipais, e achegue as súas propostas para materializar as súas necesidades, inquedanzas ou aportacións. Así o deu a coñecer este venres a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías nun acto no que se se presentou a nova web que se habilitou para facilitar esta participación: https://loop.lugo.gal/.
Tal e como explicou Méndez, trátase de facilitarlle á veciñanza unha ferramenta de democracia participativa, pois con ela, os lugueses e luguesas poderán, unha vez máis, decidir de forma directa o destino dunha parte dos recursos públicos, concretamente de 350.000 euros con cargo ao presuposto deste 2018, e deste xeito, entre todos, buscar as mellores solucións a necesidades existentes.
Este proceso de participación veciñal persegue tres obxectivos fundamentais:

 Fomentar a participación a través dun exercicio público transparente, procurando a maior participación veciñal posible, que permita a vinculación activa das e dos lucenses co desenvolvemento local do seu municipio.

 Promover que a cidadanía non sexa simple observadora dos acontecementos e decisións, e que poida converterse en protagonista activa do que ocorre no seu municipio, tanto nas zonas urbanas coma nas rurais; afondando así na democracia participativa.

 Mellorar a comunicación entre Concello e veciñanza, xerando espazos nos que achegar ideas que incentiven o consenso sobre a forma de como deben gastarse os recursos municipais, ao tempo que serve de instrumento para promover a solidariedade entre a cidadanía e os seus barrios.

Fases dos orzamentos
Este orzamento participativo divídese nas seguintes fases:
1. Unha primeira de recollida de propostas, de diferentes investimentos de ata 15.000 euros, a través de distintas canles, dixitais ou presenciais, ben sexa a través unha web que se activou para este evento, loop.lugo.gal, no Rexistro Xeral do Concello ou en distintas reunións que se celebrarán polos barrios da cidade.

Nesta fase, tal e como explicou Rosana Rielo, poderá participar calquera persoa empadroada en Lugo ou con vinculación co municipio, sexa por estudos ou traballos. Esta primeira fase está aberta dende hoxe ata o 9 de setembro e para presentar as propostas dixitalmente só é preciso validarse como persoa usuaria, a través dun enderezo web.

2. Unha segunda de avaliación da viabilidade desas propostas, por parte dun equipo técnico municipal.

3. Unha terceira de votación das propostas, tecnicamente viables, "que é outra forma máis de partipación, máis aló de propoñer iniciativas". Nesta fase poderán participar persoas empadroadas no Concello, maiores de 14 anos. Para votar as propostas, na web aparecerán unha e por unha, e a persoa participante, tipo carriño da compra de tendas web, procederá á votación.

4. E unha última de execución das actuacións que a xente decidiu e votou.

"Os orzamentos participativos son unha nova oportunidade para facer posible a xestión compartida dos recursos municipais, dos recursos públicos, de todos o cada un dos veciños. Nesta liña, cada día, Lugo é unha cidade máis aberta e máis participativa, o que nos fará ser mellores na xestión", subliñou Méndez, quen concluíu facendo un chamamento para que os lugueses e luguesas presenten propostas a partir deste momento e compartan as súas ideas, co obxecto de facer cidade, de facer Lugo co impulso da súa xente.

Máis información en https://loop.lugo.gal/

Audio

Multimedia

  • folletoOrzamentos4

Noticias relacionadas