O Goberno convoca un pleno extraordinario o venres 18 para poder acometer a peonalización da Milagrosa e Quiroga Ballesteros

Do mesmo xeito, á sesión plenaria do día 18 levarase a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por aproveitamento especial da vía pública

Mércores, 09 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro Municipal, Miguel Fernández, avanzou este mércores que o Goberno convocará un pleno extraordinario o vindeiro venres, 18 de agosto, para a aprobación definintiva, tras a resolución das alegacións, das tres modificacións de crédito nas que, entre outros, se consignan 1,3 millóns de euros para licitar este ano a peonalización da Praza da Milagrosa e de Quiroga Ballesteros, así como a instalación dunha cuberta nesta última rúa. Xunto á peonalización da Praza da Milagrosa e Quiroga Ballesteros, destaca o acondicionamento de aparcamentos disuasorios (350.000€) e o párking no entorno do HULA (119.000€), a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña (110.000€), e a consignación de fondos para cofinanciar os proxectos europeos: Lugo+Biodinámico e Muramiñae, todas, actuacións coas que o Goberno avanza na implantación do modelo de cidade polo que traballa, baseado na mellora da mobilidade, na redución do tráfico e na recuperación de espazos públicos para uso público.

Do mesmo xeito, á sesión plenaria do día 18 levarase a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por aproveitamento especial da vía pública, tanto o que se refire á resolución de reclamacións, presentadas por Lugo Monumental e pola Asociación Provincial de Empresarios da Construcción de Lugo, así como á aprobación definitiva da mesma. Tal e como subliñou Fernández, tras o mandato do último Pleno de estimar parcialmente as alegacións presentadas en tempo e forma polas dúas organizacións, o Goberno mantivo distintas xuntanzas con estes dous colectivos para chegar a un acordo, no que se refire basicamente ao coeficiente de intensidade a aplicar.

Así mesmo, convocarase para o vindeiro luns a Comisión de Contas e posteriormente a Xunta de Voceiros.

Noticias relacionadas