O Goberno consolida a reducción do período medio de pago aos provedores, que se situou en 17 días no último mes

Nos seis primeiros meses do ano, o Concello realizou máis de 9.000 pagos por un importe total superior aos 22,6M€. O número de pagos en prazo multiplicouse por cinco entre o primeiro e o segundo trimestre

Domingo, 29 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, informou de que o Período Medio de Pago (PMP) no último mes rendido a nivel contable, xuño, foi de 17 días, 13 por debaixo do límite legal, co que “avanzamos cara o obxectivo de consolidar a reducción dos prazos e mesmo rebaixalos”. De feito, en abril o PMP situouse en 16 días e en maio en 27.

Prieto explica que incide neste resultado a implantación da factura electrónica, así como o abono de facturas de exercizos anteriores a través de recoñecementos extraxudiciais de crédito, sobre todo correspondentes a eléctricas.

Segundo a edil de Economía, nos seis primeiros meses do ano o Concello realizou máis de 9.000 pagos por un importe total superior aos 22,6M€. Un dato indicativo da mellora da xestión neste eido é que o número de pagos feitos en prazo multiplicouse por cinco entre o primeiro e o segundo trimestre do ano.

O PMP, como establece a normativa estatal actual, resulta dos días naturais que de media transcorren entre a data de aprobación das certificacións da obra ou servizo ata o pago efectivo.

“Aínda que temos que mellorar na fase que vai dende o rexistro da factura á súa conformidade polos servizos técnicos e os políticos, tamén é certo que gañamos eficacia no circuíto administrativo, e por esta liña avanzaremos, cun traballo serio, rigoroso e responsable”.

Noticias relacionadas