O Goberno avanza na tramitación para ampliar as prazas dos tres aparcamentos subterráneos públicos

Unha vez aprobada de maneira definitiva a modificación do contrato de concesión que incoará mañá a Xunta de Goberno, a empresa concesionaria terá un prazo máximo de tres meses para aumentar as dimensións das prazas co fin de garantir a accesibilidade e maior comodidade dos usuarios dos aparcadoiros

Martes, 03 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este martes que a Xunta de Goberno avanzará mañá na tramitación preceptiva para ampliar as prazas dos tres aparcamentos subterráneos públicos, nas prazas de Santo Domingo, Ferrol e Constitución, aprobando o inicio do expediente de modificación do contrato de concesión no relativo á dimensión das prazas. Tamén se acordará dar audiencia durante un prazo de 15 días hábiles á empresa concesionaria –Interparking- para que presente as alegacións que estime oportunas, así como abrir un trámite de información pública durante 20 días hábiles mediante a publicación dun anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de anuncios municipal para que os posibles interesados formulen alegacións ou suxestións se así o consideran.

O acordo elevado á Xunta de Goberno de mañá, explicou a Alcaldesa, materializa as “distintas conversas e contactos” que mantivo o Executivo local durante os últimos meses coa empresa. Nel, establécese que, unha vez acordada de maneira definitiva a modificación do contrato, a concesionaria terá un prazo máximo de tres meses para aumentar as dimensións das prazas, adaptándose ao establecido na normativa vixente, en concreto, ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Deste xeito, por regra xeral, pasarán dos actuais mínimos de 4,5 metros de lonxitude por 2,20 de anchura a, como fixa o PXOM, 5ms. de largo por 2,50 de ancho, o que garantirá “a accesibilidade e maior comodidade dos usuarios”, subliñou a rexedora.

Finais de verán

Tendo en conta os prazos previstos, o Goberno estima que a finais de verán a reconversión das prazas en tres por dúas, “como popularmente xa se coñece”, poderá ser efectiva a finais de verán, indicou Méndez.

En canto ao equilibrio económico da concesión, as medidas necesarias para o seu mantemento adoptaranse con carácter inmediato unha vez que a empresa concesionaria achegue toda a documentación precisa –xustificación do número de prazas reducidas, volumes de ocupación efectiva ata ese momento, estimación dos incrementos de ocupación despois da modificación das súas medidas e cuantificación económica en función das tarifas- e esta sexa validada polos servizos económicos municipais. En calquera caso, o compromiso do Concello é manter as tarifas.    

Lara Méndez recalcou a necesidade de adecuar os tres aparcadoiros subterráneos, en funcionamento dende 1986, á nova realidade e características do actual parque automobilístico, con turismos de maior tamaño que hai tres décadas. Deste xeito, "conseguiremos incrementar o número de usuarios que se foron descolgando desta alternativa pública, por medo ás incomodidades que ocasiona a escasa dimensión das prazas".

A ampliación das prazas dos aparcamentos públicos subterráneos enmárcase no modelo de cidade do Goberno, máis accesible, cómoda, humana e sostible, con máis espazos públicos para uso público e coa persoa no centro de toda acción política, ao que tamén responden outras medidas, como o acondicionamento de aparcamentos disuasorios, as zonas 30, a peonalización de Quiroga Ballesteros e o entorno da praza da Milagrosa, a humanización de Duquesa de Lugo ou a mellora da comunicación da cidade co río con proxectos como a pasarela peonil ao Miño e a ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI.

Audio

  • Lara Méndez, sobre as prazas dos tres aparcamentos subterráneos públicos | Descargar mp3

Noticias relacionadas