O Goberno aproba un proxecto para crear un souto de castiñeiros autóctonos a través do Lugo+Biodinámico

Miguel Fernández explicou que este proxecto, que se desenvolverá 3,6 hectáreas de zonas verdes e dotacionais do Polígono das Gándaras, conta cun orzamento de 28.800 euros e un prazo de execución de 6 meses

Mércores, 25 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno aproba un proxecto para crear un souto de castiñeiros autóctonos a través do Lugo+Biodinámico

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou fóra da orde do día o proxecto de establecemento dun souto de castiñeiros con variedades galegas, dentro do programa europeo Lugo+Biodinámico, que conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, financiado nun 50% con fondos do plan LIFE e noutro 50% polo Concello, Deputación, Universidade de Santiago e Universidade Politécnica de Madrid. Ten un orzamento de 28.800 euros e un prazo de execución de 6 meses.

O Voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou que “este souto de castiñeiros, que se desenvolverá na parte das dotacións locais de zonas verdes públicas no polígono industrial das Gándaras, ocupará 3,6 hectáreas e estará formado con variedades galegas recomendadas para a comarca, concretamente parede ou branca, garrida, ventura e negral, enxertadas sobre patróns híbridos resistentes á tinta, e distribuídas en liña, segundo indicacións do persoal da USC”. Realizarase tamén un peche perimetral con malla cinexética e portas de madeiras de dobre folla para permitir o fácil acceso. Ademais procederase á colocación de 2 paneis descritivos, papeleiras ou bancos de madeira, entre outros.

Este souto é unha das actuacións enmarcadas no Lugo+Biodinámico, cun ámbito de actuación de 18,6 hectáreas situadas entre os polígonos das Gándaras e O Ceao, co que o Goberno municipal busca desenvolver distintas accións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, o que mellorará a calidade de vida dos veciños, fará de Lugo unha cidade máis verde e abrirá novas oportunidades.

Este proxecto inclúe outras accións como a creación dunha parcela de silvicultura de frondosas para a produción de madeira de alta calidade, acondicionamento dunha parcela de cultivos para producir biocombustibles de elevada eficiencia enerxética, que abastecerán ao edificio bioclimático de madeira que tamén se proxecta neste plan, recuperación e posta en valor dun bosque de ribeira de 5 hectáreas ou construción dun edificio piloto en madeira con consumo enerxético cero, que se chamará Impulso Verde e que acollerá o centro de referencia de formación e divulgación da acción polo clima. Ademais inclúe a planificación urbanística dun barrio ecolóxico, que estará situada en Duquesa de Lugo, entre outros.

Reclamacións e suxestións

Tal e como avanzou Fernández, na Xunta de Goberno deuse conta da listaxe de reclamacións e suxestións presentadas no Concello correspondente ao mes de decembro de 2016, que foi tratado a pasada semana na Comisión Permanente de Reclamación e Suxestións. Neste período recibíronse 7 reclamacións e 3 suxestións.

As reclamacións responden ás dependencias de Gabinete de Tráfico, Policía Local (2), Enxeñaría (2), Turismo e Atención ao Cidadá. Por outra banda, as suxestións refírense a Gabinete de Tráfico, Servizos Eléctricos e Servizos Sociais. En total hai 3 reclamación e suxestións resoltas, e 7 pendentes e en prazo.

Audio

Noticias relacionadas