O Goberno aproba os criterios para a inclusión de 20 persoas desempregadas perceptoras da RISGA nas brigadas de obra municipal

A duración do contrato é de sete meses a media xornada para realizar tarefas de limpeza e mantemento tanto de roteiros turísticos, viarios do entorno dos edificios municipais, instalacións deportivas ou colexios, entre outros

A Xunta de Goberno deu luz verde, aos efectos de rectificación, validación e aprobación formal, á modificación do regulamento interno de persoal, en base a un acordo da Mesa de Negociación

Mércores, 27 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou os criterios para a selección da contratación de 20 persoas desempregadas en situación de risco ou exclusión social, perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), nas brigadas de obra municipais.

Así o avanzou o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, quen indicou que a duración do contrato é de sete meses a media xornada, para realizar tarefas de limpeza e mantemento de sendeiros e roteiros turísticos municipais, así como de mantemento viario nos entornos dos edificios municipais, instalacións deportivas, colexios ou o propio cemiterio municipal, entre outros.

Esta iniciativa, que busca facilitar a inserción de persoas desempregadas lucenses e ao mesmo tempo contribuir á conservación e mellora dos servizos públicos, vén de recibir unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria, equivalente aos custos salariais da contratación de 16 peóns, 3 oficiais e 1 encargado.

As persoas trabalaldores que se contraten deberán, ademais de ser perceptoras da RISGA, estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas. Terán preferencia as que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, as maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares, entre outros. Unha comisión mixta, formada por técnicos do Concello e da Consellería, encargarase do proceso de selección dos traballadores contratados.

Modificación do regulamento interno de persoal

Entre outros asuntos, na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno deu luz verde, aos efectos de rectificación, validación e aprobación formal, á modificación do regulamento interno de persoal, en base a un acordo da Mesa de Negociación. As modificacións atañen ao valor das horas extraordinarias -as normais calcularanse aumentado o 40% e as festivas, o 100%-, e á supresión do límite de horas extraordinarias. Pedirase un informe á Asesoría Xurídica no particular a adecuación a dereito da retroactividade dos novos parámetros dos serivos extraordinarios. Con posterioridade, procederase a iniciar expediente para a modificación do regulamento interno, que será elevado ao Pleno Municipal para a súa aprobación.

Outros asuntos

Outros dos acordos tratados esta mañá foi a concesión de licenza para reforma interior dunha oficina bancaria na rúa San Marcos número 3, cun orzamento de de 368.400 euros e un prazo de execución de 12 meses, así como para a construcción dun edificio de planta baixa e unha alta para restaurante e planta baixa para garaxe na Avenida de Madrid, 101, esquina con rúa das Artes, cun orzamento duns 945.000 euros e un prazo de execución de 24 meses; e dúas licenzas para a restauración integral de 4 cubos da Muralla Romana de Lugo, unhas obras de 489.000 euros. Así mesmo, tamén se procedeu á inadmisión dos recursos de reposición interpostos por Adega e Equo Galicia contra a redacción dos primeiros proxectos do Muramiñae, por presentalos fóra de prazo.

Noticias relacionadas