O Goberno aproba axudas por 40.000€ para material escolar de nenos e nenas dentro do seu compromiso coa igualdade de oportunidades

Aínda non tendo as competencias en educación, o Concello dedica ao ano preto de 4M€ a este eido, entre axudas e servizos, como o da prestación de comedor escolar en 9 colexios públicos e as catro escolas infantís municipais e o novo centro de Garabolos, para o que achega financiamento

Xoves, 28 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a lista definitiva de beneficiarios da liña de axudas por 40.000€ convocada polo Concello para a adquisición de libros de texto e material educativo para alumnos e alumnas de educación infantil no curso 2018-2019 co propósito de colaborar na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas do municipio. Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, que informou da concesión de 400 axudas por importe de 100€ cada unha. A lista de beneficiarios está exposta no taboleiro de edictos do consistorio e no das oficinas da Concellería de Educación, situadas no centro de convivencia Uxío Novoneyera.

Aínda non tendo as competencias en educación, pois son da Xunta, o Concello dedica cada ano preto de 4M€ a este eido, entre axudas e servizos, como o da prestación de comedor escolar en 9 colexios públicos e as catro escolas infantís municipais e o novo centro de Garabolos, para o que achega financiamento.

As bolsas escolares que aprobou hoxe a Xunta de Goberno están dirixidas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil, matriculado en centros sostidos con fondos públicos. Nesta convocatoria, e por segundo ano consecutivo, a contía individual é de 100 euros. Para acceder a ditas axudas o único criterio é a renda familiar e é necesario que o alumno ou alumna estea censado en Lugo.

As persoas que teñan concedida a axuda ou axudas deben presentar no servizo municipal de Educación -no terceiro andar do centro de convivencia Uxío Novoneyra- o DNI orixinal do solicitante e unha certificación expedida polo centro educativo onde conste: nivel, curso e centro educativo no que están matriculados o alumno ou alumna para o curso 2018-2019. En caso de non ser o propio solicitante a persoa que recolla o vale, deberá presentar o DNI orixinal, fotocopia do DNI do solicitante e autorización de recollida asinada por autorizante e autorizado (poderase recoller modelo de autorización no servizo de Educación). O prazo de presentación estará aberto dende mañá e ata o 14 de marzo, ámbolos dous inclusive. Unha vez presentada a certificación, entregaráselle aos solicitantes, en horario de 9.00 a 13.30h, un vale  para cambiar por material educativo nas librerías por un valor igual ó das axudas concedidas.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a saída a contratación do servizo de mantemento técnico e dos contidos do portal web do Concello, un contrato por un ano, prorrogable por outros catro, cun importe anual de 34.400€, e da explotación da cafetería restaurante do CEI Nodus cun canon mensual de 800€ e por un período dun ano, prorrogable por outros catro.

Noticias relacionadas