O Goberno aposta, un verán máis, pola seguridade viaria a través dos cursos didácticos no Parque Infantil de Tráfico

Manuel Núñez, Ángel Álvarez e Jesús Losada presentaron a nova edición desta programación, que terá lugar dende o 2 ao 27 de xullo e na que haberá quendas en función da idade dos e das participantes

Manuel Núñez destacou que “ofrecemos esta formación viaria co fin de achegar a nenos e nenas a bos hábitos na vía pública. Haberá clases teóricas e prácticas para os rapaces e rapazas de 8 a 14 anos de kart e bicicleta e para os participantes de 15 a 16 anos de ciclomotor”

As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico en horario de 09:00 á 13:30 horas dende este venres

Mércores, 30 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno aposta, un verán máis, pola seguridade viaria a través dos cursos didácticos no Parque Infantil de Tráfico

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, o representante da Xefatura Provincial de Tráfico, Ángel Álvarez e un dos monitores do Parque Infantil de Tráfico, Jesús Losada presentaron este xoves, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a XVII edición dos cursos de verán de educación viaria, que terán lugar do 2 ao 27 de xullo nas instalacións do Parque Infantil de Tráfico. Co obxectivo de que os máis cativos e cativas adquiran comportamentos e condutas seguras, tanto peóns como usuarios, Concello e Dirección Xeral de Tráfico, organizan, un ano máis, estes cursos gratuítos dirixidos a mozos e mozas de 8 á 16 anos de idade.

Manuel Núñez sinalou que “dende o Goberno de Lugo ofrecemos, como cada verán, formación viaria a nenos e nenas co fin de achegalos a bos hábitos na vía pública. Haberá clases teóricas e prácticas para os rapaces e rapazas de 8 a 14 anos de kart e bicicleta e para os participantes de 15 a 16 anos de ciclomotor”. Nesta liña, o edil anunciou que os nenos e nenas participantes aprenderán, a través de situacións de tráfico reais, a importancia da sinalización vertical e horizontal, dos semáforos ou a utilización do cinto de seguridade, entre outros.

Formas e prazos de inscrición

Todas as persoas interesadas poderán inscribirse do 1 ao 15 de xuño, no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico en horario de 09:00 a 13:30 horas. Deberán presentar unha fotocopia do DNI ou do Libro de Familia e a solicitude debidamente cuberta, así como a autorización familiar. A lista de admitidos e admitidas publicarase o 29 de xuño no taboleiro de anuncios do Parque Infantil de Tráfico, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura Provincial de Tráfico.

Horarios e quendas por idade

Co obxectivo de ofrecer formación adecuada ás idades dos alumnos e alumnas establécense 7 grupos de 15 participantes, como máximo:

  • De 8 a 9 anos de idade: do 9 ao 13 de xullo, en horario de 10.30 horas á 13:00 ou de 18:00 á 20:30 horas; e do 16 ao 20 de xullo en horario de 10:30 á 13:00 horas.
  • De 10 a 11 anos de idade: do 2 ao 6 de xullo en horario de 10:30 á 13:00 horas ou ben de 18.00 á 20.30 horas.
  • De 12 a 14 anos de idade: do 23 ao 27 de xullo, en horario de 10.30 horas á 13:00 horas.
  • De 15 a 16 anos de idade para os mozos e mozas que empreguen o motociclor: do 16 ao 27 de xullo en horario de 18:00 horas á 20:30 horas.

Clausura Primavera Segura

Este venres ás 17.00 horas clausuraranse, cunha entrega de diplomas, os VII Cursos de Primavera Segura, que tiveron lugar dende o 30 de abril ata o 1  de xuño no Parque Infantil de Tráfico. Esta programación gratuíta remata tras achegar aos mozos e mozas participantes, nocións básicas sobre comportamentos correctos en zonas urbanas e interurbanas.

Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono de información cidadá 010.

Audio

Noticias relacionadas