O Goberno ampliará os parques infantís de Campo Castelo e Albeiros cun investimento de 114.000€

A Alcaldesa avanza na materialización dun modelo de cidade pensado nas persoas e con máis espazos para uso público, neste caso para os “nosos nenos e nenas, parte esencial da sociedade”

Grazas ao Plan de Barrios que sacou adiante o Executivo, están en marcha a día de hoxe investimentos por 260.000€ en catro parques infantís da cidade, pois á ampliación dos de Campo Castelo e Albeiros súmase a creación dun novo na Praza de Bretaña e a mellora do da rúa Poeta Aquilino Iglesias Alvariño

Os proxectos, que dan resposta a unha importante demanda cidadá, poñen de manifesto a importancia de contar cun Orzamento para poder investir na cidade e mellorar a calidade de vida da veciñanza respondendo ás súas necesidades, subliñou Lara Méndez

Mércores, 10 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno ampliará os parques infantís de Campo Castelo e Albeiros cun investimento de 114.000€

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, anunciou este mércores a ampliación dos parques infantís da praza de Campo Castelo e de Albeiros cun investimento conxunto de 114.000€ a través do Plan de Barrios que incluíu o Goberno local nos Orzamentos que sacou adiante para este ano.

A Alcaldesa destacou que a ampliación e mellora dos parques infantís é un dos piares “dos Orzamentos 2018 e do noso modelo de cidade, máis agradable, cómoda, accesible, pensada para as persoas, con máis espazos para uso público, neste caso para uso dos nosos nenos e nenas, parte esencial da sociedade, pois son o noso futuro”. Na materialización de proxectos coma estes ponse de manifesto “a transcendencia de contar con un presuposto, porque nos permite investir na cidade, e, en concreto, do Plan do Barrios, grazas ao que podemos acometer multitude de actuacións que melloran a calidade de vida dos lucenses respondendo ás súas necesidades”.

De feito, os novos espazos infantís en Campo Castelo e Albeiros dan resposta a unha importante demanda da cidadanía pois a gran afluencia de nenos e nenas, coas súa familias, fai que os actuais recintos se estean a quedar pequenos.

No caso de Campo Castelo, o proxecto consiste na creación dun novo parque infantil específico para nenos e nenas de ata 3 anos xunto ao actual espazo de xogos. Terá unhas dimensións de 5,3 por 10 metros, e incluirá diversos elementos de xogos infantís, como saltadores, balancín, un castelo con tobogán e unha casiña. O orzamento é de 25.000€.

En Albeiros ampliarase a zona de xogos existente, tanto na parte para nenos de 0 a 3, como na destinada aos de maior idade. Incluiranse xogos como un circuíto de habilidades, columpios, carrusel xiratorio inclusivo, casiña de xogos con paneis didácticos, entre outros. Neste caso, procederase a maiores á mellora  do espazo de lecer existente, coa reparación do pavimento e do céspede artificial, a colocación dunha valla de madeira e o acondicionamento e repintado dos propios xogos. O presuposto ascende a 89.000€.

Con estas obras e dotacións, os parques, e polo tanto os nenos e as familias, gañan espazo, comodidade e seguridade.

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a licitación de ambos proxectos, que teñen un prazo de execución de 30 días o de Campo Castelo e de 60 o de Albeiros unha vez adxudicados, polo que estarán listos previsiblemente entre finais de este ano e principios do que vén.

Xunto á estas iniciativas, o Goberno ten en marcha outras dúas tamén relacionadas con parques infantís, pois está en proceso de licitación a creación dun novo parque na Praza de Bretaña cun investimento de 88.000€ e a mellora do situado na rúa Poeta Aquilino Iglesias Alvariño, dotado con 58.000€. Deste xeito, a día de hoxe o Executivo de Lara Méndez ten en marcha investimentos por importe de 260.000€ en catro parques infantís, aos que, como avanzou a Alcaldesa, se engadirán máis.

Noticias relacionadas