O Goberno activa Empregalia, un novo plan de emprego que beneficiará a 105 mozos e mozas

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a contratación da docencia especializada para impartir as 7 accións formativas das que consta a iniciativa, que se desenvolverá dende febreiro a xuño

Aprobadas este mércores tamén as bases que rexerán a selección dos participantes

A aplicación e manexo de drons é un dos itinerarios formativos ofertados, xunto a actividades auxiliares en viveiros e xardíns, socorrismo en espazos naturais e instalacións acuáticas, operacións básicas de cociña e de cátering, e dinamización de actividades de tempo libre

Os beneficiarios recibirán unha parte teórico práctica e outra práctica en empresas do sector do que se trate

Mércores, 17 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, anunciou este mércores a posta en marcha dun novo plan de emprego impulsado polo Goberno grazas á captación de fondos europeos, Empregalia, que favorecerá a través da formación a inserción laboral de 105 mozos e mozas menores de 30 anos de idade, inscritos no programa de Garantía Xuvenil.

O programa, cun orzamento total de 600.000€, dos que o Fondo Social Europeo achega o 91,8% e o Concello o 8,2%, arranca coa aprobación na Xunta de Goberno de hoxe dos pregos para a contratación da docencia especializada e a elaboración dos itinerarios das 7 accións formativas das que consta a iniciativa, que se desenvolverá entre os meses de febreiro e xuño. O contrato mediante 7 lotes da docencia especializada de Empregalia, esto é a específica, ten un prezo base de licitación de 205.000€. A este importe, ata completar os 600.000, hai que engadir os custes da docencia da formación transversal, informática, seguros e materiais, así como a realización dunha segunda fase do programa no segundo semestre do ano.

O Concello publicará o anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no Perfil do Contratante (www.lugo.gal). O prazo de presentación de ofertas será de quince días naturais contados dende o día seguinte ao da publicación do anuncio no BOP.

Ao mesmo tempo que a Xunta de Goberno aprobou a saída a contratación da docencia especializada, hoxe mesmo serán aprobadas mediante decreto as bases que rexerán a selección dos participantes.

Compromiso co emprego

Este novo plan que pon en marcha o Goberno é froito do “noso compromiso co emprego, ao que, aínda non sendo unha competencia propia, lle dedicamos moito esforzo e investimento, tal e como demostra a consignación de 3M€ no Orzamento que presentamos para este 2018”, recalcou o voceiro municipal. O programa débese á consecución de axudas á inserción laboral convocadas o pasado ano polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, ás que o Concello de Lugo concorreu cunha candidatura denominada Empregalia.

A iniciativa, baseada na formación, “ten como obxectivo fundamental proporcionar aos mozos e mozas de Lugo os coñecementos, destrezas e instrumentos que melloren a súa empregabilidade e lles faciliten o acceso ao mercado laboral ou o desenvolvemento de proxectos de emprendemento, todo elo, a través dun conxunto de accións de información, orientación, formación e fomento do emprego”, explicou Miguel Fernández.

Co fin de garantir as máximas cotas de inserción no mercado de traballo dos 105 mozos participantes, o Concello elaborou un proxecto con itinerarios formativos nos sectores con maiores perspectivas de crecemento económico e de emprego no municipio, como son a tecnoloxía, turismo e lecer, e saúde e benestar. Así mesmo, para a elaboración da proposta e a elección das accións formativas contouse con asociacións de persoas discapacitadas e organizacións sen ánimo de lucro, pois perséguese tamén que as persoas con maiores dificultades de acceso ao emprego teñan a oportunidade de formarse e mellorar a súa empregabilidade.

Accións formativas

Deste xeito, o plan de inserción laboral ofrecerá  7 accións formativas, con 15 participantes por cada unha delas. Son as seguintes:

-       Aplicación e manexo de sistemas aéreos non tripulados: RPAs ou drons. Con este curso, o alumnado terá acceso ao exame para a obtención dos certificados básico e avanzado oficiais de Piloto de RPAs, expedidos pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

-       Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería

-       Socorrismo en espazos acuáticos naturais

-       Socorrismo en instalacións acuáticas

-       Operacións básicas de cociña

-       Operacións básicas de cátering

-       Dinamización de actividades de tempo libre, educativo, infantil e xuvenil

Todas estas accións formativas teñen unha parte teórico práctica e unha parte práctica en empresas do sector do que se trate.

Xunto á formación específica de cada especialidade, os participantes recibirán formación adicional de carácter xeral en informática, inglés básico, habilidades sociais e fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Durante todo o proceso, as persoas participantes recibirán acompañamento personalizado a través de titorías individualizadas, orientación e intermediación laboral e axuda na busca activa de emprego.

Audio

Noticias relacionadas