O Goberno achégase á historia de 410 mulleres galegas, creando un recuncho permanente no Vello Cárcere, a través da obra e a exposición Elas

Ana Abelleira e Xosé Manuel Calviño presentaron esta mostra, que recolle numerosas investigacións documentadas de mulleres galegas que destacaron ao longo da historia. O acto de inauguración terá lugar o 14 de xuño ás 20:30 horas no Vello Cárcere

O libro vai acompañado por 16 serigrafías orixinais e complétase cunha exposición de 38 obras pictóricas de artistas galegas que poderá visitarse, no Vello Cárcere, dende o vindeiro 14 de xuño

Martes, 15 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno achégase á historia de 410 mulleres galegas, creando un recuncho permanente no Vello Cárcere, a través da obra e a exposición Elas

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, xunto ao editor de Xanela Editorial, Xosé Manuel Calviño, deron a coñecer este martes, no Vello Cárcere, a Obra Elas, un libro que realiza un percorrido polas mulleres galegas que destacaron ao longo da historia en diferentes campos ou actividades. Trátase dunha edición de luxo, limitada a 155 exemplares, que se completa cunha exposición creada por pintoras galegas e que poderá visitarse, de xeito permanente, no Vello Cárcere a partir do vindeiro 14 de xuño.

Durante o acto de presentación, Ana Abelleira destacou que “é un honor expoñer estas obras que nos permiten crear un espazo de visibilidade das nosas mulleres da historia e que reivindican o seu papel na sociedade. Deste xeito, pretendemos formar ese recuncho de muller, onde todos e todas as lucenses e visitantes poden consultar esta xoia histórica que inclúe 410 biografías de mulleres invisibilizadas”.

Nesta liña, Xosé Manuel Calviño, agradeceu o apoio ao Concello xa que “nos permite mostrarlle a Lugo esta obra tan orixinal e especial que pon en valor á muller galega. Quero transmitir a ilusión que nos fai achegar este libro ao Vello Cárcere, xa que é o lugar perfecto, cheo de sensibilidade, pois cando falamos de mulleres na historia falamos de prohibición, de dureza e invisibilidade”.

Así mesmo, a exposición do libro inclúe unha mostra realizada por oito pintoras galegas -Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva, Mª Manuela, Mª Xesús Díaz, Sabela Arias e Vanessa Lodeiro- composta por 38 obras pictóricas que nos transmiten a vida e as dificultades das mulleres galegas ao longo da historia, 16 delas serigrafías orixinais, numeradas e asignadas por cada unha das artistas

A autora do libro Elas, Aurora Marco, catedrática de didáctica de lingua e literatura galega, realizou un exhaustivo traballo de investigación dende hai máis de trinta anos, que se recolle na creación desta obra, onde as 410 biografías publicadas foron previamente estudadas e documentadas. O libro realiza un longo percorrido protagonizado por mulleres de diversos estratos sociais que realizaron importantes labores en todos os campos.

O acto de inauguración realizarase o vindeiro 14 de xuño, no Vello Cárcere, ás 20:30 horas.

Audio

  •  A concelleira Ana Abelleira sobre a obra "Elas" | Descargar mp3

Noticias relacionadas