O futuro Centro de Servizos Sociais de Lamas de Prado disporá de espazos polivalentes para facilitar a convivencia interxeracional e a conciliación familiar

A edil Olga Racamonde avanza que o inmoble ocupará unha parcela municipal próxima ao Centro Comercial Abella e seguirá as mesmas premisas de sostibilidade na súa construción que o edificio Impulso Verde

 
Mércores, 23 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A concelleira de Benestar, Olga López Racamonde, informaba hoxe dos últimos pasos dados no proxecto de creación dun novo Centro de Servizos Sociais en Lamas de Prado, no marco da estratexia Dusi dentro do obxectivo temático sobre o desenvolvemento de accións para fomentar a inserción laboral e reducir o risco de exclusión.

A edil anunciaba que o inmoble, que pasará a substituír ao actual centro cívico, estará ubicado en terreo municipal, nunha parcela próxima ao Centro Comercial da Abella. “Unha localización que foi elixida segundo factores socieconómicos para dinamizar e favorecer o desenvolvemento deste barrio”.

“Nestes momentos os técnicos da Universidade de Santiago de Compostela encargados da redacción do proxecto perfilan as últimas modificacións a fin de pechar o deseño definitivo do inmoble, que irá na liña do Impulso Verde, aínda que cunha envergadura menor, pero baseándose igualmente na sostibilidade e no respecto ao medio ambiente e coa madeira como fundamento principal da súa construción”, subliñou Olga López Racamonde.

“Se tratará dun Centro de Servizos Sociais de carácter polivalente no que terán cabida espazos destinados a actividades de lecer e culturais para todas as idades do ciclo vital - nenez, xuventude, adultos e terceira idade - baixo a premisa de favorecer a convivencia interxeracional e a conciliación familiar, así como a atención ao benestar propiamente dito”, engadiu a concelleira.

A responsable de área refire que contará cun equipo interdisciplinar constituído por traballadores sociais, educadores, animadores, auxiliares e conserxería, incrementándose o número de profesionais que actualmente integran o cadro de persoal deste centro “o que redundará no beneficio da poboación de referencia”, indicou Olga López quen cuantificou en 16.000 persoas os usuarios que teñen asignada esta unidade de atención primaria dos Servizos Sociais.

Audio

  • Olga López Racamonde, sobre o futuro Centro de Servizos Sociais de Lamas de Prado | Descargar mp3 
 

Noticias relacionadas