O Foro de Igualdade posiciónase en contra dos ataques machistas ás mulleres con implicación no ámbito público

Avanzan os preparativos para a conmemoración do Día Internacional da Muller, que contempla a tradicional Marcha pola Igualdade o día 6 de marzo

Xoves, 04 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Foro de Igualdade posiciónase en contra dos ataques machistas ás mulleres con implicación no ámbito público

O Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade posicionouse en contra dos ataques machistas ás mulleres con implicación no ámbito público, a raíz das últimas conductas contra as mulleres recollidas nos medios de comunicación. Así o anunciou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión e presidenta do Foro de Igualdade, Ana González Abelleira, tras a reunión celebrada este xoves no Salón de Plenos e na que estiveron presentes representantes de todas as formacións políticas que compoñen a Corporación Municipal, así como representantes dos sindicatos UXT, CC.OO e STEG, e membros de diversas asociacións de veciños, de Mulleres Empresarias, do Colexio de Enfermaría e COGAMI.

“O Foro de Igualdade como órgano de participación cidadá nesta materia sempre traballa en prol da visibilización das mulleres e por unha sociedade máis xusta e igualitaria, polo tanto todas as nosas actividades irán neste senso, en situar á muller no sitio da sociedade na que lle corresponde”, asegurou a edil.

González Abelleira tamén informou que neste encontro se deu conta tanto das consultas realizadas na Casa da Muller o pasado ano como das actividades desenvolvidas dende a última xuntanza, o 3 de novembro de 2015. Así mesmo, na celebración deste foro, propúxose a creación unha nova área de intervención para incluír no IV Plan de Igualdade, Dereitos Humanos e Cooperación, que se sumaría ás de participación social, diversidade e sensibilización cidadá, educación, cultura e deporte, formación e emprego, prevención e atención integral da violencia de xénero, conciliación e corresponsabilidade e benestar social e saúde.

No Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade celebrado esta mañá tamén se avanzou na organización dos actos conmemorativas do 8M, Día Internacional da Muller, que este ano estará enfocado á temática da cooperación e do desenvolvemento internacional. Polo momento, o sábado 6 de marzo terá lugar a tradicional Marcha pola Igualdade.

Pacto cidadán contra a violencia de xénero

Na reunión desta mañá deuse un prazo a todos os membros do Foro de Igualdade de 20 días para asinar formalmente o Pacto cidadán contra a violencia de xénero, un documento para conseguir o rexeitamento da sociedade á calquera acto de violencia contra as mulleres, así como promover modelos alternativos de convivencia, no marco da cultura da igualdade, e conseguir unha tolerancia cero cara a violencia de xénero.

A este documento pódense adherir entidades, asociacións ou outros colectivos que non formen parte deste Foro. Para elo é necesario que se poñan en contacto coa Casa da Muller.

Este documento obriga aos asinantes a organizar actividades de sensibilización e prevención e a crear espazos libres de violencia de xénero, entre outros aspectos. O Concello comprométese a apoiar as iniciativas que poidan desenvolverse en relación á erradicación da violencia contra as mulleres ou a executar o IV Plan de Igualdade. O pacto renovarase anualmente, cada novembro, onde se asumirán novos compromisos.

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre o Foro de Igualdade |Descargar mp3

Noticias relacionadas