O Foro de Igualdade avanza na organización do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

Tamén mostrou a súa desconformidade coa decisión da Xunta de eliminar o programa de asesoramento familiar con menores vítimas de violencia de xénero en Lugo para o 2017. O Concello fará fronte a estas terapias

Xoves, 09 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Foro de Igualdade avanza na organización do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

O Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade avanzou este xoves na organización dos actos conmemorativos do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que este ano celebrarase baixo o lema de Todo por elas. Polo momento, as distintas concellerías están implicándose nestes actos, debido á transversalidade da Igualdade. A área de Deportes dedicará unha carreira do Corre Con Nós, que se denominará Corre Con Elas, e a área de Cultura ten prevista a obra de teatro Medea, Salvaxe?, dentro da Mostra de Teatro Clásico de Lugo, entre outras.

A cidadanía e os colectivos que desexen participar na elaboración deste programa de actividades, poderán remitir as súas propostas á Casa da Muller ou a través do correo electrónico cmuller@concellodelugo.org. Así o anunciou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión e presidenta do Foro de Igualdade, Ana González Abelleira, tras a reunión celebrada este xoves no Salón de Plenos e na que estiveron presentes representantes de todas as formacións políticas que compoñen a Corporación Municipal, así como representantes dos sindicatos UXT, CC.OO e STEG, e membros de diversas asociacións de veciños, de Mulleres Empresarias, do Colexio de Enfermaría e COGAMI.

Dos escritos remitidos por este foro, recibiuse resposta da Secretaría Xeral de Igualdade confirmando a eliminación do programa de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas vítimas de violencia de xénero en Lugo por parte da Xunta para o ano 2017. Ante isto, o Foro de Igualdade mostrou a súa desconformidade con esta decisión e o Concello de Lugo asumiu de novo responsabilidades da Xunta, tendo que facer fronte ao custo destas terapias.

O Foro tamén acordou darlle prioridade ás mulleres nos nomes de rúas, parques infantís, centros e instalacións municipais de nova creación. Tamén dende a Casa da Muller remitiráselles o agradecemento e a felicitación ao grupo de nenas do Colexio de Fingoi, que realizaron un traballo con propostas para un rueiro en feminino. Ademais, acordouse realizar unha campaña en contra da publicidade sexista e da cosificación da muller durante os festexos do Entroido.

Noticias relacionadas