O Foro da Sustentabilidade aproba o novo documento da Axenda 21 Local

Xoves, 28 de xuño de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Representantes de distintas asociacións e entidades de todo tipo e persoas a título individual participaron no proceso

O Foro da Sustentabilidade aprobou hoxe o novo documento da Axenda 21 Local, que recolle as liñas de actuación municipal para os vindeiros anos en materia medioambiental, social, económica e de participación cidadá. Á xuntanza tivo lugar no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra e participaron tanto representantes de asociacións e colectivos de todo tipo como cidadáns a título individual.

Este novo documento recolle propostas sobre emprego e desenvolvemento económico, ordenación do territorio, participación cidadá e conciencia comunitaria, servizos sociais e sanitarios e medio ambiente e inclúe as propostas elaboradas polas distintas mesas temáticas que estiveron traballando nos últimos meses. O texto foi analizado a pasada semana na Comisión de Seguimento e pasa agora ao Foro para a súa aprobación final.

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, explicou que “este novo documento actualiza as liñas de actuación para os vindeiros anos fixadas no documento aprobado no ano 2007 e fixa novas prioridades tendo en conta a actual situación de crise económica, que variou substancialmente os problemas máis acuciantes que ten hoxe a cidadanía”, dixo.

Logo desta xuntanza celebrada hoxe do Foro da Sustentabilidade será o momento da posta en marcha da Axenda 21 Local, a principal ferramenta en materia ambiental e de participación cidadá coa que conta o Concello de Lugo. A concelleira Paz Abraira explicou que o obxectivo é poñer en marcha accións concretas e realizables que logren “unha cidade máis humana e habitable”. “Non renunciamos a obxectivos ambiciosos, pero a situación económica é a que é e queremos ser realistas para non crear frustración na cidadanía. Queremos planificar actuacións concretas para que ao longo destes 4 anos se poidan ver resultados”, dixo.

www.lugo.es/ws/axenda21

 

Multimedia

Noticias relacionadas