O fonsagradino Xoán Curiel presenta o seu novo traballo Magnetico Zen dentro da programación do Maio Escénico

Xoves, 23 de maio de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá venres 24 de maio, presenta o seu segundo traballo discográfico Magnético Zen o músico fonsagradino Xoán Curiel dentro da programación do Maio Escénico que organiza a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua.

Será ás 20:30 horas e con entradas a 5 euros para público xeral, 3 para desempregados e dependentes e 2 para público familiar, cando o Auditorio Gustavo Freire, de Lugo, acolla esta revista da actualidade musicada por Xoán Curiel. Presentará un repertorio de pop en galego con influencias de world music, polo que se trata dun disco cheo de imaxes que nos fala, de xeito cinematográfico, do noso mundo actual de crise e saturación informativa.

Xoán Curiel elaborou un discurso propio e crítico a través dunha lectura artística da actualidade con temáticas como o abuso de poder, a agresión ecolóxica, a manipulación da información, a crise económica mundial e a posibilidade do ser humano de coller de novo o seu poder persoal e transformar a súa realidade desde unha perspectiva fresca e optimista.

Este disco ten xirado xa por algunhas localidades galegas, do resto do Estado e tamén a nivel internacional cunha grande aceptación e enorme interese non só polos temas nel contidos, senón polo xeito de chegar a eles, as súas orixes e o seu lugar no proxecto artístico de Xoán Curiel.

Proxecto artístico integral

Voz e guitarra son os elementos dos que, con grande e demostrada mestría, se vale o artista da Fonsagrada para compór a súa proposta musical. En xaneiro do 2012 cantou xunto a Carlos do Carmo ou Mayra Andrade entre outros artistas, en Cantos na Maré. En Outubro dese ano participa no Festival Estou Lá como artista e director artístico compartindo escenario con figuras coma Eneida Marta ou João Afonso, entre outros moitos. No 2012 e 2013 actúa no proxecto CoraSons, un espectáculo e a gravación dun disco en común con artistas galegos e portugueses como Uxía, Antonio Zambujo ou Budiño. Na súa traxectoria artística destaca ademais a súa versatilidade, participando como actor, músico, director, cantante ou bailarín en diversos proxectos vencellados á música, o teatro, o teatro infantil e a danza.

Multimedia

Noticias relacionadas