O Festival Atlántica de narración oral chega por primeira vez a Lugo na súa sétima edición

Carmen Basadre, Pilar García e Soledad Felloza, entre outras autoridades, presentaron esta cita, que ofrecerá uns 15 espectáculos gratuítos entre o 20 e o 23 de marzo en Lugo, Viveiro, Monforte, Guitiriz e A Fonsagrada

Mércores, 27 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Festival Atlántica de narración oral chega por primeira vez a Lugo na súa sétima edición

O Festival Atlántica, que este ano celebra a súa sétima edición, vai chegar por primeira vez á provincia lucense por mor da colaboración co Concello e a Deputación de Lugo. A presentación da programación tivo lugar este mércores, 27 de febreiro, nunha rolda de prensa na que participaron a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Cultura, Pilar Porto, e a directora do Festival Atlántica, Soledad Felloza. No acto tamén participaron autoridades de Viveiro, Monforte de Lemos, Guitiriz e A Fonsagrada, concellos, que xunto con Lugo acollerán uns 15 espectáculos gratuítos entre o 20 e o 23 de marzo.

Na súa intervención, Carmen Basadre congratulouse de que Atlántica recalara por fin en Lugo, “terra de tradición oral”, afirmando que o festival chegaba a unha “lugar máxico” para as palabras. Tamén salientou a variedade de espectáculos, artistas e espazos dos que vai facer uso o festival e engadiu que para pechar a semana está previsto un roteiro de poesía polas rúas da cidade.

Pola súa banda, Pilar García remarcou que este festival é a primeira vez que se achega a terras lucenses, concretamente aos concellos de Lugo, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Viveiro. “E apoiamos esta iniciativa, na que participan un total de 16 concellos de toda Galicia, con 30 narradores en máis de 90 actuacións, para contribuír a promover e preservar a nosa lingua, a nosa cultura e as nosas tradicións. A literatura oral é unha delas”, remarcou a deputada.

Na súa quenda, Soledad Felloza fixo fincapé na importancia simbólica de levar os contos ata Lugo porque é a oportunidade de “xuntar as voces antigas do interior e do mar na terra de Fole, Cunqueiro, Manuel María…” A sétima edición é “a do encontro das historias do mar e dos bosques, de Esmelle e do Atlántico, da Terra Chá, das cidades mergulladas, das lagoas míticas, do corazón da Galicia Encantada que recolle e custodia Reigosa”. Precisamente, Antonio Reigosa e mais Lois Pérez implicáronse activamente para lograr que Lugo se convertera nunha das sedes de Atlántica, feito que foi destacado tanto por Basadre como por Felloza nas súas intervencións.

A directora do festival tamén quixo subliñar a intensidade coa que Lugo se vai incorporar ao festival de narración oral: cinco concellos, catro xornadas, incluído o Día Internacional da Narración Oral, dez artistas e quince actuacións. “Atlántica soñaba con este encontro e agora traballa para que teña futuro”, rematou.

Os artistas

Ata Lugo van chegar as historias do xaponés Yoshi Hioki, do alacantino Pablo Albo e dos galegos Celso F. Sanmartín, Ángeles Goás, Lois Pérez, María da Pontragha, Raquel Queizás e Vero Rilo. Tampouco faltarán á cita contadores lucenses como Fátima Fernández e Lois Pérez. Este grupo de narradores vai desenvolver entre o 20 e o 23 de marzo unha programación para todos os públicos, con espectáculos para cativos e maiores que terán entrada libre e gratuíta ata completar o aforo. Ademais, cómpre salientar que toda a información sobre os artistas deste ano xa está publicada na web do festival (http://festivalatlantica.gal/).

Multimedia

  • O Festival Atlántica de narración oral chega por primeira vez a Lugo na súa sétima edición
  • O Festival Atlántica de narración oral chega por primeira vez a Lugo na súa sétima edición
  • O Festival Atlántica de narración oral chega por primeira vez a Lugo na súa sétima edición

Noticias relacionadas