O executivo de Lara Méndez progresa na regularización dos recursos humanos do Concello

A Xunta de Goberno desta semana autorizaba a proposta de nomeamento de dúas educadoras sociais como funcionarias de carreira na área de Benestar así como as adscricións provisionais dos postos de xefe de servizo, dous adxuntos e da xefa de sección de Arquitectura

Paula Alvarellos lembra que nos últimos meses se executaron as 58 prazas ofertadas nas OPE’s de 2015 e 2016 e que as contempladas nos dous exercicios posteriores avanzan a bo ritmo

Mércores, 19 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez progresa na regularización dos  recursos humanos do Concello

Continúa a regularización dos recursos humanos do Concello. O executivo de Lara Méndez mantense no obxectivo determinado pola propia alcaldesa ao inicio deste mandato de efectivizar o funcionamento da Administración local dimensionando os diferentes servizos municipais e poñendo fin ás disfuncións detectadas pola Intervención ao respecto da ordenación do persoal, en base aos informes xurídicos elaborados polo Secretario do Pleno e a Vicesecretaria no último trimestre do ano pasado.

Deste xeito, na Xunta de Goberno celebrada esta mañá foron abordadas diferentes cuestións relativas a esta materia como é o nomeamento de dúas educadoras sociais como funcionarias de carreira que ocuparán sendas prazas na área de Benestar.

Do mesmo xeito, resultaron aprobadas as bases para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de Tesourería Municipal do Concello de Lugo no que se estableceu, como requisito indispensable, o imperativo de que as e os aspirantes fosen funcionarios ou funcionarias da Administración local con habilitación de carácter nacional.

Ademais, o equipo de goberno autorizou o cesamento, no seu posto, da archiveira municipal así como a súa adscrición provisional como animadora sociocultural no Centro de Convivencia da Milagrosa.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sinala que a medida obedece a que, “tanto na RPT actual como na que se atopa en tramitación, o posto de Arquiveiro/a figura reservado a un funcionario de carreira Grupo A1 que nestes momentos se atopa ocupado por persoal laboral. De maneira que, ao non ter en plantilla ningún empregado ou empregada pública con praza en propiedade e coa categoría sinalada, procedemos a incorporar esta praza á Oferta de Emprego Público do ano en vigor; do mesmo xeito que tamén se realizará un concurso para os postos de Animadores Socioculturais que non estean cubertos de forma definitiva entre os que igualmente se pasa a incluír o adscrito ao Centro da Milagrosa no que esta persoa exercerá temporalmente”.

Un caso semellante sucede no departamento de Informática onde se deixa sen efecto a encomenda de responsabilidades ao actual xefe de servizo e se outorga a atribución temporal de funcións a un funcionario de carreira con licenciatura en Informática ou grao equivalente por un prazo improrrogable de seis meses mentres non se cubre, con carácter definitivo, mediante a execución da OPE de 2018 na que xa se inclúe unha praza de Sistema de Aplicacións.

A concelleira de Gobernanza explicou, asemade, que na sesión desta semana déuselle o visto bo a varias propostas de adscrición provisional aos postos de xefe de servizo, a dous adxuntos e á xefa de sección de Arquitectura.

“A xubilación do xefe de servizo de Arquitectura produciuse no ano 2015 – abondou Paula Alvarellos, estando actualmente vacante ao igual que os postos de adxuntos de servizo e o da xefa de sección polo que agora se procede a normalizar esta área que, pola súa banda, acumula unha gran carga de traballo derivado, precisamente, destes déficits anteriores”.

Alvarellos aproveitou para lembrar que nos últimos meses se executaron as 58 prazas ofertadas nas OPE’s de 2015 e 2016 e que as contempladas nos dous exercicios posteriores avanzan a bo ritmo. Como exemplos, en 2019 o corpo de bombeiros quedou dimensionado ás necesidades da poboación coa incorporación de máis dunha ducia de efectivos ao igual que se acadou un elevado nivel de consolidación do emprego temporal en diferentes departamentos do Concello.

Noticias relacionadas