O executivo de Lara Méndez prima, na primeira Xunta de Goberno da pandemia, licenzas e obras para reactivar a economía

O goberno autorizará a concesión de 17 licenzas urbanísticas, entre elas a ampliación dun supermercado e a construción doutro que, xuntos, supoñen un investimento na cidade de 3’5 millóns de euros

Na Orde do Día da reunión figura, ademais, a continuidade do procedemento para iniciar a construción da Pasarela sobre a NVI adxudicada en febreiro

A cantidade de expedientes tramitados pon de manifesto, segundo a propia alcaldesa, “o inxente traballo administrativo realizado polo persoal municipal así como o seu elevado grao de compromiso co servizo público”

Xoves, 23 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez prima, na primeira Xunta de Goberno da pandemia, licenzas e obras para reactivar a economía

Máis dunha trintena de asuntos, a maioría de tipo urbanístico, compoñen a Orde do Día da primeira Xunta de Goberno Local que se celebrará no Concello de Lugo dende a declaración do Estado de Alarma.

O encontro, que terá lugar mañá, venres ás 13:00 horas, de forma telemática, vén determinado pola vontade do executivo de Lara Méndez de dar saída, o máis axiña posible, a aquelas actuacións que, dentro das limitacións establecidas polo confinamento, terán unha repercusión positiva para o tecido produtivo local e no conxunto da cidade.

“Por unha banda queremos poñer o acento no feito de que frear a propagación do coronavirus obrigou ao peche das dependencias consistoriais pero, pola contra, a imposibilidade de prestar atención ao público de maneira presencial propiciou que o persoal municipal centrase as súas ocupacións na tramitación documental de forma que, durante estas semanas, conseguiuse axilizar a parte estritamente burocrática de moitos procedementose que xa estaban en curso”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora manifestou, unha vez máis, o “firme compromiso” do seu goberno por reanudar toda actividade en canto sexa viable e referiu como paradigma desta afirmación que, pese a continuar paralizados os prazos administrativos, mañá se retomará o expediente para a construción da Pasarela sobre a NVI, licitada o pasado mes de febreiro, logo de que a empresa adxudicataria trasladase non só a súa conformidade ao respecto senón tamén a intención de iniciar, á maior brevidade, as obras.

“É só un dos exemplos que corroboran que, dende a institución local, estase a desenvolver, sen descanso e dende o primeiro día de pandemia, un intenso labor administrativo que permitirá, de xeito parello ao levantamento das limitacións impostas pola crise sanitaria, concluír aqueles procesos, transcendentais para Lugo, que xa estaban iniciados co fin de que comecen a materializarse”, sostivo Méndez ao tempo que subliñou a capacidade do Concello para adaptarse á situación tanto no que ten que ver coa toma de decisións como á hora de rendibilizar o teletraballo grazas á colaboración, á implicación e boa disposición das e dos empregados.

Así, na sesión desta semana, procederán a aprobarse até un total de 17 licenzas urbanísticas “co obxectivo de que, logo do parón obrigatorio na construción, este sector poida avanzar na súa recuperación”, engadiu Lara Méndez que, precisamente, a semana pasada se reunía con representantes da APEC para analizar o estado no que se atopan as empresas do ramo.

Entre os expedientes máis destacados figura a ampliación dun supermercado situado na Avenida da Coruña e Curros Enríquez e a creación doutro na avenida Infanta Helena, ambos do mesmo grupo alimentario, cun orzamento previsto de 1.061.553’54 euros e de 2.472.553’54€, respectivamente.

Do mesmo xeito, outorgaranse os permisos para a construción de dúas naves no Parque Empresarial das Gándaras e a reforma doutras dúas, tamén neste polígono, así como o cambio de uso dunha delas, de industrial a deportivo, e se autorizará o reformado do proxecto de construción dunha estación de servizo na avenida Benigno Rivera composta por unha zona de dous surtidores con marquesiña para venda de carburantes e dous boxes de lavado ademais dun posto de aspiración de vehículos.

Igualmente, o equipo de goberno concederá a licenza para a ampliación dunha explotación de vacún de leite situada na parroquia de Santa Cristina de San Román e a segregación e agrupación de dúas parcelas en Galegos.

Alén disto, este venres recibirán o visto bo 8 solicitudes de licenzas máis para, entre outras intervencións, executar unha vivenda unifamiliar na Acea de Olga e reformar outra na rúa Armórica, acometer diversas ampliacións, modificar cubertas e/ou fachadas, redistribuír plantas, instalar un ascensor, e mesmo, como acontece no caso dos inmobles número 4 e 6 de Salvador de Madariaga, para proceder á súa demolición.

“Será, por tanto, unha Xunta de Goberno extensa – abonda a rexedora – na que agardamos despachar un importante volumen de asuntos de gran importancia económica pero tamén cidadá xa que entre eles figuran, por exemplo, a ampliación do novo cemiterio, a pavimentación da contorna do auditorio Gustavo Freire e de varios pasos de peóns así como a rexeneración do firme da estrada LU-P-29010 en  Bóveda. Obras moi demandadas e comprometidas hai tempo coa veciñanza que axudarán a mellorar as infraestruturas da capital e do rural, do que tampouco nos esquecemos”, destacou Lara Méndez.

Por outra banda, e xa en materia de persoal, mañá validaranse tamén as propostas de nomeamento de 7 prazas de funcionarios de carreira na categoría de Policía Local, 4 delas por concurso interadministrativo e as outras 3 por oposición libre así como a prórroga da comisión de servizo no posto de xefa da sección de Cultura.

Audio

  • A alcadesa Lara Méndez, sobre a Xunta de Goberno Local | Descargar mp3

Noticias relacionadas