O executivo de Lara Méndez prepara un dispositivo de limpeza extraordinario para o curso escolar, que aumenta con 14 persoas

Cada centro público de infantil e primara contará cunha persoa a maiores no horario lectivo para labores de desinfección derivadas da COVID-19, que complementará a limpeza ordinaria.

O Concello avanza este reforzo, ao que destinará 150.000 euros, ante a inminencia do inicio do curso escolar e pídelle á Xunta que abra unha interlocución directa coa administración local.

O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, lamenta a ausencia total de coordinación por parte da Xunta, “xa que un protocolo serio e responsable de regreso ás aulas ten que ter en conta á comunidade educativa, pero tamén aos Gobernos locais”.

Sábado, 22 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez prepara un dispositivo de limpeza extraordinario para o curso escolar, que aumenta con 14 persoas

O Concello de Lugo reforzará o dispositivo de limpeza nos centros públicos de infantil e primaria do municipio, como medida de protección fronte á COVID-19. Así o informou este venres o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, quen subliñou que “destinamos unha partida de máis de 150.000 euros para reforzar este servizo e adaptalo ás esixencias derivadas da actual situación santiaria, mediante a contratación de 14 profesionais que se ocuparán da limpeza dos centros durante o horario lectivo, e complementando as labores que xa se viñan realizando ao rematar as clases”.

Deste xeito, o executivo de Lara Méndez ampliará o persoal de limpeza nos colexios. Durante a xornada de mañá, de 10.00 a 13.00 horas, haberá unha persoa en cada centro que se encargará da hixiene e desinfección constante dos baños, as aulas e outros espazos e elementos de uso frecuente, ampliando en 15 horas semanais as labores de limpeza en cada centro. Nos colexios Illa Verde e Fingoi 2 será unha persoa a que se encargue de ditas tarefas ao atoparse contiguos e ser centros pequenos, pero se ampliará o horario de 9.30 a 13.30 horas (20 horas semanais).

Actualmente, os traballos de limpeza realizábanse unha vez rematadas as clases. Con esta medida, o Concello ampliará o servizo habitual para extremar as precaucións en materia de hixiene nun total de 15colexios lucenses.Nas vindeiras semanas, enviarase unha carta aos directores dos centros para informalos desta medida, ao tempo que se lles ofrecerá a posibilidade de contar co servizo reforzado de limpeza no caso de organizar algunha actividade extraescolar nas súas instalacións, que terán que comunicar con suficiente antelación.

Por outra banda, o concelleiro lamentou “a total ausencia de coordinación por parte da Xunta de Galicia, xa que un protocolo serio e responsable de regreso ás aulas ten que ter en conta á comunidade educativa, pero tamén aos Gobernos locais”. Santos referiuse así ao documento elaborado polo goberno autonómico que “a día de hoxe carece de instruccións específicas para todas as incidencias” e apuntou que “a Xunta debería escoitar á comunidade educativa e atender as súas necesidades e inquedanzas”.

Ademais, o edil explicou que “o protocolo da Xunta fai especial fincapé no tema da limpeza, sen ter en conta en ningún momento aos prestadores deste servizo, que somos as administracións locais”. Neste senso, destacou “o malestar xeral dos concellos cos que non se contou e que, dada a situación actual, van a ter un papel importante no regreso á actividade escolar”.

“Con todo, a nosa vontade de colaboración é clara, e non só cumpriremos coas medidas de hixiene previstas no documento remitido pola Xunta, como a desinfección dos baños cada 3 horas, senón que ademais ampliaremos o servizo, mediante a contratación de máis persoal, en lugar de buscar fórmulas alternativas para atender cos mesmos efectivos o grueso da actividade lectiva”, apuntou.

Audio

Noticias relacionadas