O executivo de Lara Méndez prepara un dispositivo de limpeza e desinfección especial nos centros educativos

A área de Medio Ambiente reforzarán estes traballos nos colexios debido a que aumentará a súa actividade desde o luns co inicio dos procedementos de admisión de alumnado

O edil Alvaro Santos lembra que a limpeza nestes inmobles nunca se paralizou durante toda a crise sanitaria naqueles casos onde existiu actividade

Os labores realizaranse con produtos non nocivos para a cidadanía e incidirase nos espazos comúns e naquelas áreas con maior contacto coas mans

O Concello lembra á veciñanza que actúe con responsabilidade, adoptando as medidas de hixiene e atendendo ás indicacións das autoridades sanitarias

Venres, 08 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez prepara un dispositivo de limpeza e desinfección especial nos centros educativos

O Goberno de Lara Méndez, a través da área de Medio Ambiente que dirixe Álvaro Santos, levará a cabo unha limpeza profunda dos colexios públicos con vistas a que desde o luns terán unha maior actividade, aínda que esta concellaría non deixou de actuar nestes centros durante a pandemia. “Compre indicar que os traballos de limpeza e desinfección se teñen realizado durante toda a crise sanitaria naqueles centros onde existiu actividade, fundamentalmente por asistencia presencial de membros dos equipos directivos” sostivo o edil.

Á vista do  acordo sobre a reanudación do procedemento de admisión de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2020/21, aprobado mediante RESOLUCIÓN de 5 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ampliáronse os traballos de acondicionamento e desinfección xeral dos centros públicos, para acoller con todas as garantías o fluxo de usuarios que acudirá para a tramitación dos procedementos de reserva de praza e matrícula.

Santos apuntou que “a maiores da limpeza diaria que xa se leva efectuado nestes inmobles coma nos diferentes edificios municipais do Concello, seguindo o protocolo establecido semanas atrás, esta será de carácter extraordinario e utilizaranse, como sempre, produtos non nocivos para a saúde”. A limpeza será en profundidade, tendo especial coidado nos espazos e ferramentas en maior contacto coas mans, tanto dos traballadores como dos usuarios, como poden ser ascensores, baños, pomos ou varandas”.

O edil recorda que “a partir do día 11 de maio, recuperarase o servizo de xeito ordinario, aínda que adaptado na medida do posible en horarios e medios aos requerimentos dos centros públicos”. A  interlocución cos centros públicos será a través da concellería de Educación para unha correcta coordinación entre áreas.

Dende o Concello de Lugo recordan que independentemente das medidas de limpeza excepcionais levadas a cabo nas diferentes dependencias municipais, convén actuar con responsabilidade, adoptando as medidas de hixiene e atendendo ás indicacións das autoridades sanitarias.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre a desinfección dos colexios | Descargar mp3

Noticias relacionadas