O Executivo de Lara Méndez pon a disposición 430.061 € euros para axudas á rehabilitación de vivendas residenciais no Centro Histórico

A Xunta de Goberno aprobará mañá as bases da convocatoria dun procedemento que nesta edición duplica o orzamento da fase anterior e que posibilitará subvencionar unha trintena de actuacións

A Administración local achegará 44.000 € para sufragar parte dos labores de reurbanización e os custos do equipo técnico de xestión.

O Concello lembra que tamén eximirá aos promotores do pago da taxa de servizos urbanísticos e habilitará unha bonificación de até o 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras.

Martes, 03 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez pon a disposición 430.061 € euros para axudas á rehabilitación de vivendas residenciais no Centro Histórico

O Executivo de Lara Méndez porá a disposición dos e das lucenses unha partida de 430.061 euros para a rehabilitación do ARRU do Centro Histórico, co que se poderán financiar ate unha trintena de intervencións. Este mércores a Xunta de Goberno aprobará as bases reguladoras da convocatoria.

Ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2018 – 2021 para a anualidade do exercicio en curso, o MITMA destinará 386.253 €, a Consellería de Medio Ambiente 99.808 € e a Administración local 44.000 euros, dentro da fase XVI do programa de Rexeneración e Renovación Urbana do recinto amurallado lucense.

O investimento municipal, segundo explicou a tenenta de alcaldesa Paula Alvarellos, irá dirixido a sufragar xunto ao Goberno Central, parte dos labores de reurbanización que resulte necesario executar de xeito complementario ou para a renovación de servizos - como pode ser o alumeado das rúas, etc - así como tamén para abordar, en colaboración co executivo autonómico, os custos do equipo técnico de xestión.

“O procedemento, xestionado dende Evislusa, nos permitirá subvencionar actuacións relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles, a adopción de sistemas de aforro e eficiencia enerxética ou a mellora da súa accesibilidade. De maneira que se agarda chegar a promover, entre financiamento público e privado, un volume de negocio que superará os 1’3 millóns de euros (1.357.142 €)”, sinalou a concelleira.

As vivendas obxecto deste procedemento, que segue o réxime de concorrencia competitiva, deben estar destinadas a uso residencial.

Alvarellos Fondo sinalou tamén que será preceptivo que o edificio obxecto da reforma conte con división horizontal e, cada unha das vivendas, coa súa devandita referencia catastral. Entre os traballos subvencionables atópase a reparación de cubertas, da carpintería exterior, das escaleiras, portal, rexerías, tratamentos de fachada, medianeiras ou chemineas así como melloras da accesibilidade, adopción de sistemas de aforro enerxético ou o propio mantemento do inmoble cando estea afectado por algunha patoloxía estrutural, etc...

“Para a concesión das axudas terán preferencia, en primeiro lugar, as construcións catalogadas sobre as non catologadas e, dentro daquelas, terán prioridade as situadas no Burgo Medieval, seguidas polas do Ensanche Decimonónico e as do Ensanche Recente. Logo, unha vez seleccionados os expedientes por ese orde, procederase a unha segunda escolla en función do tipo de actuación a realizar, ao tratarse dun ámbito que conta cun plan especial de conservación, protección e rehabilitación, outorgándoselle en primeiro lugar ás actuacións nos elementos comúns dos edificios sobre as que sexan no interior da vivenda, e as que afecten á envolvente do inmoble co fin de emendar as patoloxías do mesmo como poden ser filtracións ou humidades, as que melloren o illamento térmico, a seguridade estrutural e a accesibilidade”, abondou a edil.

Paula Alvarellos, apuntou tamén que algúns dos artigos que regulan as axudas, que terán carácter de subvención a fondo perdido, foron modificados xa na anterior convocatoria non só para aumentar o importe senón tamén para favorecer a participación e acadar un maior número de beneficiarios.

“A contía máxima das mesmas pode alcanzar o 40% do custo subvencionable, cun tope máximo de 12.000€ por axuda, aínda que excepcionalmente esta porcentaxe máxima poderá ampliarse até o 75% se os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente son inferiores a tres veces o IPREM. Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan intervencións para a mellora da accesibilidade e se acredite que existen na devandita unidade persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos”, referiu.

Ademais, as subvencións deste programa serán compatibles con calquera outra axuda pública sempre e cando a suma de todas non supere o custo total da actuación concreta, salvo algunha excepción recollida nas bases.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, a contar dende o día seguinte á publicación oficial do extracto da convocatoria e o 30 de novembro de 2026 a data tope estipulada para ter rematadas as obras e comprobadas con toda a súa documentación.

O Concello eximirá, alén, aos promotores destas actuacións do pago da taxa de servizos urbanísticos e habilitará unha bonificación de até o 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras para incentivalas.

Audio

  • A edil de Benestar, Paula Alvarellos, sobre a fase do ARRU do Centro Histórico | Descargar mp3

Noticias relacionadas