O executivo de Lara Méndez inviste 300.000 euros na cubrición das pistas de tenis de Frigsa para ampliar o seu uso a todo o ano

A Xunta de Goberno Local autorizará mañá a apertura do proceso de contratación do proxecto, que terá un prazo de execución de tres meses

Na sesión desta semana o executivo outorgará tamén a concesión de seis licenzas urbanísticas, entre elas a construción dun edificio na avenida da Coruña orzamentado en case un millón e medio de euros

Martes, 07 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez inviste 300.000 euros na cubrición das pistas de tenis de Frigsa para ampliar o seu uso a todo o ano

O executivo de Lara Méndez, a través da área de Deportes, destinará 303.998’98 euros á cubrición das pistas de tenis sitas no parque da Milagrosa.

A Xunta de Goberno Local autorizará este mércores a apertura do proceso de contratación do proxecto, que terá un prazo de execución de tres meses.

O edil, Miguel Fernández, explica que “se trata dunha intervención coa que se pretende protexer das inclemencias meteorolóxicas dúas das catro pistas existentes neste complexo de Frigsa, para incrementar a súa funcionalidade durante todo o ano” e refiriu que, concretamente, se actuará nas ubicadas máis ao norte.

A obra prevista resolverase mediante unha estrutura a base de perfís laminados na que se empregarán, como elemento de cubrición, pranchas de panel sándwich de 30 mm de espesor. Igualmente, todo o cerramento exterior irá tapado de forma íntegra con chapa de tipo minionda de aceiro galvanizado, lacada en cor, que se fixará á superficie portante.

“A actuación súmase a outras xa acometidas polo goberno de Lara Méndez, para incrementar as dotacións municipais ao servizo da cidadanía e favorecer a práctica de múltiples modalidades deportivas nunhas instalacións modernas e versátiles que, á súa vez, consiguen adaptarse ás demandas e preferencias que nos traslada a veciñanza”, indicou Fernández en alusión á próxima creación dun Skate Park na zona dotacional de Duquesa de Lugo, á substitución do céspede artificial nos campos de fútbol de As Gándaras ou á renovación da pista do pavillón de Frigsa.

Por outra banda, na sesión que se celebrará mañá, o executivo local outorgará tamén media ducia de licenzas urbanísticas.

Unha das máis destacadas é a construción dun edificio composto por soto, baixo e cinco plantas máis ático, na Avenida da Coruña, orzamentada en case 1’5 millóns de euros.

Ademais, autorizarase a ampliación dunha nave no polígono das Gándaras así como a realización de tarefas de conservación e mantemento en dúas vivendas de As Campiñas e Vilaestévez, a creación dun alpendre para garda de apeiros en Farxocos e a legalización da reforma efectuada nun inmoble de San Marcos.

Audio

  • O edil de Deportes, Miguel Fernández, sobre a cubrición das pistas de tenis| Descargar mp3

Noticias relacionadas