O executivo de Lara Méndez incrementará a eficiencia dos servizos municipais coa convocatoria de medio cento de postos vacantes na nova RPT

A Xunta de Goberno validou hoxe o documento no que tamén se revisa a categoría profesional dunha vintena de empregados municipais

Na sesión desta semana se autorizaron, igualmente, cinco licenzas para diversas actuacións urbanísticas

Mércores, 10 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez incrementará a eficiencia dos servizos municipais coa convocatoria de medio cento de postos vacantes na nova RPT

O executivo de Lara Méndez incrementará a eficiencia dos servizos municipais coa convocatoria de medio cento de postos vacantes na nova RPT.

Logo de que o documento entrara en vigor o pasado luns, 1 de xuño, a Xunta de Goberno Local validaba esta mañá, entre outros asuntos vinculados ao mesmo, as novas adscricións dos postos que estaban ocupados de xeito provisorio así como diversos cambios de categoría profesional co fin de adaptar o cadro de persoal á realidade e ás necesidades da institución.

Trátase da primeira ordenación, dende 2006, das e dos empregados municipais á que se chega co consenso unánime da Mesa de Negociación sindical e coa que se acadará a regulación da situación laboral do Concello para o que se contempla a posta en marcha dunha política retributiva común que remate cos agravios comparativos ao tempo que se incrementa a polivalencia dos postos e a súa produtividade.

“Un fito histórico – segundo sostivo a propia rexedora – que significa o punto de partida fundamental para incrementar a eficacia e eficiencia da administración e para establecer unha estrutura organizativa ordenada, xerarquizada e áxil ao servizo da cidadanía”.

Por outra banda, o equipo de goberno autorizaba hoxe tamén a concesión de cinco licenzas urbanísticas para acometer diversas intervencións na capital entre as que figura a legalización da cuberta dunha terraza nun inmoble da rúa Montirón, a instalación dun ascensor nun edificio da Calzada da Ponte, a reforma da fachada dun local en Concepción Arenal ou mesmo a construción dun garaxe de uso privado nunha vivenda da parroquia de Meilán.

Noticias relacionadas