O executivo de Lara Méndez implanta un servizo 24 horas de reparación de avarías na rede de abastecemento municipal

A área de Medio Ambiente trasladará á próxima Xunta de Goberno Local o contrato que garantirá o arranxo inmediato das incidencias que se detecten nas canalizacións de distribución de auga potable

Xunto a esta adxudicación se licitará outra para atallar, tamén de forma instantánea, as deficiencias que se poidan producir no saneamento da capital

Venres, 22 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez implanta un servizo 24 horas de reparación de avarías na rede de abastecemento municipal

O executivo de Lara Méndez implantará un servizo 24 horas de reparación de avarías na rede de abastecemento municipal.

A área de Medio Ambiente trasladará á próxima Xunta de Goberno Local a aprobación dun contrato para executar tanto o arranxo de fugas fóra do horario da Brigada de Augas como todo tipo de traballos en apoio á mesma.

“Trátase de garantir de forma permanente e continuada esta prestación, ante a imposibilidade de que o persoal municipal poida reparar tódalas incidencias que afecten aos elementos da rede de distribución de auga potable, ben sexa por unha cuestión de dispoñibilidade horaria dos operarios, ben pola falta dos medios que esixa, en concreto, cada actuación que se realice”, explicou a rexedora.

Pola súa parte, Álvaro Santos indicou que con esta licitación “se pretende atender con inmediatez calquera problemática que se detecte nas canalizacións da cidade, independentemente do momento no que se produza, de maneira que a subministración non se vexa interrompida máis que o tempo necesario para proceder ao seu amaño”.

O concelleiro de Medio Ambiente anunciou que o contrato terá un orzamento anual de 121.000 euros (IVE incluído) e poderá prorrogarse, en períodos anuais, por un máximo de tres exercicios.

“A súa entrada en vigor permitiranos ademais non ter que recorrer a procedementos de urxencia para situacións que se contemplan como ordinarias ao tempo que eliminamos outro hándicap que condicionaba a axilidade de resposta da administración: a presenza de tubaxes de fibrocemento en determinados puntos da capital. Esta circunstancia chegou a impedir, nalgunhas ocasións, que a empresa que podía facerse cargo da obra desa maneira repentina, a levase a cabo xa que non todas contan cos equipamentos necesarios para manipular esta substancia de forma segura”.

Santos Ramos subliñou que, xunto a esta adxudicación, na vindeira sesión da Xunta de Goberno se validará outra para atallar, tamén de forma instantánea, as deficiencias que se poidan xerar no saneamento da cidade.

“Actualmente, para acometer estas tarefas era preciso externalizalas xa que o Concello non dispón dunha brigada específica que as asumira. E, así, no que levamos de mandato, tivemos que abordar deste xeito case unha decena de reparacións en pozos e colectores que supuxeron un custo próximo aos 80.000€. Porén, a formalización deste contrato permitirá manter en correcto funcionamento a integridade da rede municipal de sumidoiros por un importe anual máximo de 50.000 euros (IVE incluído)”, afirmou o edil.

“Ser eficientes no gasto público era un dos obxectivos que perseguimos coa apertura dámbolos dous procesos, pero ser dilixentes e resolutivos na prestación dun servizo imprescindible e básico para a cidadanía foi, sen dúbida, a principal motivación deste goberno para promover estas licitacións”, concluíu o concelleiro de Medio Ambiente.

Audio

  • O edil Álvaro Santos, sobre os contratos de reparacións, das redes de abastecemento e saneamento | Descargar mp3

Noticias relacionadas