O executivo de Lara Méndez destina 606.000€ á adquisición de material para acometer as obras do Plan de Emprego Muramiñae Rehabilita

A Xunta de Goberno aprobaba hoxe o inicio do procedemento, así como a contratación dun servizo de reparación e conservación do patrimonio rural singular e outro para o mantemento das estradas por un importe total de 655.000€

Na sesión desta mañá aprobáronse 9 licenzas urbanísticas, unha delas para a construción dun bar restaurante na confluencia das avenidas Benigno Rivera e Infanta Helena por valor de 334.000€

Mércores, 03 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez destina 606.000€ á adquisición de material para acometer as obras do Plan de Emprego Muramiñae Rehabilita

O Concello de Lugo destinará 606.123’04 euros á adquisición de material, ferramenta e alugamento de maquinaria e outros medios para levar a cabo as obras contempladas dentro do Plan de Emprego Muramiñae Rehabilita que se reanudaba esta mesma semana. Un  programa municipal de intervención socio – laboral que permitirá desenvolver, durante seis meses, obras de mellora nos dez barrios da cidade que integran a zona DUSI, ao mesmo tempo que se lle dá unha oportunidade laboral a 27 persoas pertencentes a colectivos vulnerables.

Esta mañá a Xunta de Goberno Local autorizaba a apertura do proceso de contratación desta subministración, en catro lotes, así como o do procedemento para adxudicar un servizo de reparación e mantemento integral da maquinaria auxiliar de xardinería, adscrito ao departamento municipal de Parques, por un importe de 85.000 euros e durante un período de 4 anos, prorrogable por outro máis.

Tamén, durante a sesión de hoxe acordouse sacar a licitación a conservación das instalacións, infraestruturas e construcións rurais singulares durante un ano, prorrogable ata os tres, cun valor estimado de 255.000 euros, “na que se inclúen intervencións de albanelería, carpintería, pintura, limpeza, etc… en escolas, lavadoiros, fontes ou calquera outro elemento de valor cultural, histórico ou patrimonial sobre o que resulte preciso actuar para reparalos ou mellorar o estado no que se atopan”, explicou o edil de Medio Rural, Miguel Fernández ao tempo que anunciou que, igualmente, se destinarán durante os próximos tres exercicios, logo de aprobar hoxe a súa contratación, máis de 400.000 euros ao arranxo das vías públicas na totalidade das parroquias así como á eliminación de fochancas e limpeza de cunetas “como complemento ao traballo da brigada do rural, o parque móbil e o servizo de electromecánicos do Concello e co obxectivo de incrementar a calidade de vida da veciñanza residente nos núcleos”.

Estes foron algúns dos asuntos incluídos na orde do día da sesión celebrada esta semana, entre os que tamén figuraban 8 licenzas urbanísticas, cinco delas para desenvolver actuacións no ámbito rural.

Entre as mesmas, atópase a rehabilitación duha vivenda tradicional en Romeán, datada do ano 1919, cun presuposto de 63.086’88 euros no que se inclúe a substitución da cuberta e a legalización dunha edificación en San Andrés de Castro (10.941’43€), ambas as dúas cun prazo de execución de 18 meses. Asemade, foron aprobadas a construción dunha nave para almacén de produtos agrícolas en San Vicente de Pías (13.863’75€) e as modificacións dun proxecto para almacén agrícola en San Martín de Piñeiro (3.453’83€) e dunha nave en execución para corte de gando vacún, en Santiago de Saa, (21.753’27€), as tres, cun ano de marxe para acometerse.

Xa na capital, déuselle o visto bo ao cambio de uso, de oficina a apartamentos turísticos, de 8 locais nun inmoble do Carril do Xuízo, por importe 266.692’82€; á ampliación, en dúas posicións de liña, dunha subestación eléctrica en San Cibrao (584.480€) e á creación dunha edificación destinada a bar- restaurante na confluencia das avenidas Benigno Rivera con Infanta Helena, orzamentada en 334.639’03 euros e que deberá estar rematada en dous anos.

Igualmente validouse de forma inicial o estudo de detalle para proceder á agregación de dúas parcelas dun quinteiro, no Casco Histórico, co fin de permitir, axustándose aos requirimentos establecidos no PEPRI, levar a cabo unha intervención conxunta en dous inmobles contiguos da Praza Maior.

Audio

  • O edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre os contratos do Rural, aprobados na XGL | Descargar mp3

Noticias relacionadas