O executivo de Lara Méndez destina 400.000 euros á mellora das pistas de tenis de Frigsa e do pavillón do Palomar

A Xunta de Goberno Local adxudicaba este mércores a cubrición de 2 canchas, as situadas máis ao norte, no parque da Milagrosa, por importe de 296.000 €

A actuación, que ten un prazo de execución de tres meses, servirá para que as instalacións se manteñan en funcionamento durante todo o ano

Na sesión desta semana procedeuse tamén á apertura do procedemento para reformar o pavimento do polideportivo sito ao carón do Anxo Carro, no que se investirán 116.000 €

Xoves, 15 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez destina 400.000 euros á mellora das pistas de tenis de Frigsa e do pavillón do Palomar

O executivo de Lara Méndez, a través da área de Deportes, destinará 296.159’60 euros á cubrición das pistas de tenis sitas no parque da Milagrosa. A Xunta de Goberno Local adxudicaba este mércores a súa contratación á empresa Sport Equipalia.

O edil responsable de Deportes, Miguel Fernández, explica que “se trata dunha intervención coa que se pretende protexer das inclemencias meteorolóxicas dúas das catro pistas existentes neste complexo de Frigsa, para incrementar a súa funcionalidade durante todo o ano” e refiriu que, concretamente, se actuará nas ubicadas máis ao norte.

A obra prevista, que ten un prazo de execución de tres meses, resolverase mediante unha estrutura a base de perfís laminados na que se empregarán, como elemento de cobertura, pranchas de panel sándwich de 30 mm de espesor. Igualmente, todo o cerramento exterior irá tapado de forma íntegra con chapa de tipo minionda de aceiro galvanizado, lacada en cor, que se fixará á superficie portante.

“A actuación súmase a outras xa realizadas nos últimos meses coas que se pretende non só mellorar senón tamén incrementar as dotacións municipais ao servizo da cidadanía e favorecer a práctica de múltiples modalidades deportivas nunhas instalacións modernas e versátiles”, indicou Fernández en alusión á próxima creación dun Skate Park na zona dotacional de Duquesa de Lugo, á substitución do céspede artificial nos campos de fútbol de As Gándaras ou á remodelación do campo de rugby das Pedreiras e do pavillón de Frigsa.

Neste mesmo senso, o edil de Deportes informou tamén que esta semana quedou aberto o procedemento de contratación para acometer a reforma do pavimento do Polideportivo Palomar para a que se habilitou unha partida orzamentaria de 116.735’71€.

“O firme de todo o recinto, especialmente as pistas de baloncesto e fútbol sala, presentan un elevado grao de deterioro debido ás humidades do terreo no que se asentan pero tamén polo uso intensivo que se fai das mesmas. De maneira que procederemos á súa renovación completa co fin de dotar este espazo dunha superficie segura, de última xeración adaptada á normativa actual e ás esixencias técnicas”, sinalou Miguel Fernández.

Os traballos, que inclúen a retirada do material actual, a limpeza e impermeabilización da zona, a marcación das liñas de xogo e a colocación do equipamento, terán un prazo de execución dun mes e quince días, contando a partires do día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de replanteo. O concelleiro indica que, mentras se desenvolvan os labores de acondicionamento, as actividades, probas e competicións previstas no Palomar se derivarán a outros centros deportivos municipais da cidade.

Audio

  • O edil de Deportes, Miguel Fernández, sobre o investimento nas instalacións deportivas | Descargar mp3

Noticias relacionadas