O executivo de Lara Méndez destina 240.000 euros a asociacións lucenses sen ánimo de lucro para proxectos que dinamicen a economía local

A alcaldesa defende á importancia de apoiar aínda máis nesta crise proxectos de  dinamización económica e creación de emprego, así como reforzar a labor dos colectivos

A área de Desenvolvemento Local lanza estas axudas pioneiras co fin para frear as consecuencias económicas derivadas da pandemia da COVID-19

Sábado, 20 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez destina 240.000 euros a asociacións lucenses sen ánimo de lucro para proxectos que dinamicen a economía local

O Concello de Lugo, a través da Área de Desenvolvemento Local e Emprego, destinará 240.000 euros a asociacións lucenses sen ánimo de lucro para financiar en un plan plurianual de tres anos (2020-2022) proxectos e actividades que contribúan a dinamizar a economía local. Así o anunciou a alcaldesa, Lara Méndez, quen explicou que se trata “dunha pioneira liña de axudas que poñemos en marcha para tratar de paliar as consecuencias económicas derivadas da pandemia da COVID-19 e o Estado de Alarma”.

“O obxectivo desta convocatoria é apoiar ás entidades lucenses co fin de que desenvolvan proxectos de fomento da cultura emprendedora, posta en valor do territorio,  dinamización económica e creación de emprego no noso municipio, para reforzar a súa labor nun momento de especial dificultade pola situación vivida nos últimos meses”, explicou Lara Méndez.

A convocatoria, que será de concorrencia competitiva e que se aprobará na Xunta de Goberno Local da vindeira semana, estará aberta a todas as asociacións lucenses sen ánimo de lucro que presenten un proxecto relacionado co desenvolvemento económico da cidade e o fomento do emprego. O prazo máximo para a súa execución este ano, no que se investira 80.000 euros, será ata o 31 de decembro deste ano.

Segundo o edil de Desenvolvemento Local Sostible e Emprego, Mauricio Repetto, para a concesión das axudas teranse en conta criterios obxectivos e sociais. “Valoraranse, entre outros aspectos, o impacto económico das asociacións na cidade (número de persoas formadas, empregos creados...); que sexan proxectos dirixidos a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral, a presentación dun pla diversificado de actividades con continuidade no tempo; a orixinalidade e carácter innovador da actividade ou a paridade de xénero na directiva da asociación”, avanzou.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, a partir do día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP) e a contía máxima de cada subvención será de 2.500 euros.

Na páxina web do Concello www.concellodelugo.gal, habilitarase un espazo con toda a información, así como a documentación para que as asociacións poidan concorrer a estas subvencións.

Noticias relacionadas