O executivo de Lara Méndez destina 166.000€ á cobertura e ampliación do parque de Augas Férreas

Unha gran estrutura protexerá o recinto que incrementa un terzo a súa superficie.

Entre os novos xogos que se incorporan figura a instalación dun rocódromo de 3 metros de altura, para nenos de 5 a 8 anos, e un novo pórtico triplo, con asentos inclusivos e tamén para bebés.

Sábado, 26 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez destina 166.000€ á cobertura e ampliación do parque de Augas Férreas

O executivo de Lara Méndez investirá 166.399’99 € na ampliación e cobertura do parque de Augas Férreas. A Xunta de Goberno Local adxudicaba esta mañá o contrato á empresa Zona de Obra O Rosal SLU que disporá de catro meses e medio para rematar os traballos.

“O obxectivo – segundo sinalou o edil de Medio Ambiente – é modernizar esta dotación pública municipal moi empregada pola veciñanza da contorna como zona de encontro e de lecer”.

Álvaro Santos lembrou que as obras previstas contemplarán tres tipos de actuacións principais.

“Por un lado, levaranse a cabo tarefas de acondicionamento que inclúen a retirada e substitución do pavimento e o céspede artificial existente por outro firme de caucho amortiguante na totalidade da área de xogos. Así mesmo se renovará o peche perimetral e se reordenarán e porán a punto os elementos lúdicos existentes, instalándose outros novos”.

O concelleiro sinalou que entre as principais incorporacións figura un rocódromo de tres metros de altura, para nenos de entre 5 e 8 anos, un novo pórtico triplo, composto por un asento niño e dous asentos planos, dos cales un será inclusivo e o outro para bebés.

“O terceiro eixo, clave neste proxecto, é a cubrición do propio recinto mediante a colocación dunha estrutura con pórticos de aceiro e a base de placas de policarbonato translúcidas, incrementándose tamén a superficie final habilitada que pasará dos 236 m² a 396.88 m² (160 m²máis).

Este será o terceiro parque infantil cuberto da cidade, xunto aos do Pazo de Feiras e a praza Agro do Rolo, o que permitiráás familias lucenses utilizalos durante todo o ano contribuíndo, ao mesmo tempo, ao seu mantemento e conservación pola protección que supón fronte ás inclemencias meteorolóxicas.

Con esta intervención, o goberno local leva investidos máis de 600.000 euros nos parques infantís da cidade durante os últimos dous anos. 

Noticias relacionadas