O executivo de Lara Méndez convocará 44 prazas na Oferta Pública de Emprego de 2020

Con esta OPE o Concello pretende abordar as necesidades máis urxentes detectadas nos distintos servizos municipais así como mellorar a súa prestación entre a cidadanía

A edil de Gobernanza presentaba esta mañá a proposta á Mesa de Negociación que amosou a súa conformidade co documento

Martes, 30 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez convocará 44 prazas na Oferta Pública de Emprego de 2020

O executivo de Lara Méndez convocará 44 prazas de emprego público en 2020.

A edil de Gobernanza presentaba esta mañá a proposta á Mesa de Negociación que amosou a súa conformidade co documento.

“O obxectivo desta OPE non é outro que o de abordar as necesidades máis urxentes detectadas nos diversos servizos para mellorar a súa prestación entre a cidadanía e acadar un maior nivel de axilidade e resolución na actividade desenvolvida pola administración local”, indicou Paula Alvarellos.

A concelleira explicou que do conxunto da Oferta, 44 prazas se convocarán en quenda libre e 4 por promoción interna. “21 delas se corresponden, ademais, con axentes da Policía Local, polo que outra das finalidades que cumprirá será a de garantir as cadeas de mando nas distintas unidades, moi mermadas logo de que en 2019 este corpo sufrira a baixa de 32 efectivos”.

“En total, no pasado exercicio, entre xubilacións, falecementos ou excedencias, o Concello rexistrou unha diminución do seu cadro de persoal estimada en 48 empregados públicos que non tiñan reserva do posto de traballo o que deixou nunha situación comprometida a moitos departamentos que tiveron que afrontar a mesma ou maior carga laboral con menos recursos humanos”, indicou.

“Un escenario que, agora, a solvencia financeira que presentamos nos permitirá corrixir ao poder elevar ata o máximo a taxa de reposición permitida ás institucións públicas e que se sitúa no 110%, sempre dentro do marco da estabilidade orzamentaria”, aclarou Paula Alvarellos ao tempo que sinalou que unha porcentaxe elevada destas incorporacións terán o seu destino nos servizos de Benestar Social e Cemiterio.

Así a edil indicou que a relación de prazas por oposición libre recollidas na OPE deste exercicio inclúe dúas prazas de Técnico/a (Escala de Administración Xeral, A1); dúas prazas de Técnico/a Medio, (Escala de Administración Xeral, A2), unha delas reservada a quenda de persoas con discapacidade. Unha praza de arquiveiro/a, (Escala de Administración Especial, Técnico Superior, A1); dúas prazas de Traballadores/as Sociais (Escala de Administración Especial, Técnico Medio, A2); unha praza de Oficial Sepultureiro (Escala de Administración Especial, persoal de oficios, C2); unha praza de Operario de Cemiterio (Escala de Administración Especial, persoal de oficios, AP reservada a persoas con discapacidade) e unha praza de ordenanza (Escala de Administración Xeral, Subalterno, AP, reservada a persoas con discapacidade intelectual). Alén das 21 prazas na categoría de Policía Local (Administración Especial, Escala básica, categoría policía, grupo C1) das que 16 serán por oposición libre e 5 mediante concurso de mobilidade.

Ademais, se propón a cobertura, por promoción interna, de diferentes postos que no momento actual están vacantes como é o caso dunha praza de Inspector/a Principal de Policía Local (Escala de Administración Especial, Escala Executiva, categoría inspector principal, grupo A2); unha praza de Inspector/a da Policía Local (Escala de Administración Especial, Escala Executiva, categoría inspector, grupo A2), dúas prazas de Oficial da Policía Local (Escala de Administración Especial, servizos especiais, policía local, grupo C1) así como unha praza de Director/a Gardería Municipal (Escala de Administración Especial, Técnico Medio, A2).

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a Ope 2020 | Descargar mp3

Noticias relacionadas