O Executivo de Lara Méndez conclúe os 7 procedementos previstos no Plan Municipal para erradicar o fibrocemento da traída pública

Esta semana, a Xunta de Goberno Local adxudicará os traballos para renovar a rede de abastecemento da rúa Armórica que afectará a 40 acometidas.

En total, a área de Medio Ambiente habilitou 1’2 millóns de euros de crédito para substituír as canalizacións, por outras de fundición, en 14 vías da cidade.

Na sesión desta semana outorgaranse, tamén, 4 licenzas urbanísticas e será validada a disolución de tres Xuntas de Compensación de varios sectores da cidade.

Martes, 27 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez conclúe os 7 procedementos previstos no Plan Municipal para erradicar o fibrocemento da traída pública

O Executivo de Lara Méndez concluirá esta semana os procedementos previstos dentro do Plan Municipal para erradicar o fibrocemento da traída pública.

A Xunta de Goberno Local adxudicará á empresa Construcciones Sanle Lugo S.L as obras de renovación da rede de abastecemento da rúa Armórica, o derradeiro dos 7 proxectos contemplados, con ese cometido, para este ano.

A intervención, á que se destina un investimento municipal de 186.512 euros, terá un prazo de execución de seis meses e afectará a un total de 40 acometidas existentes nesta vía.

“O obxectivo – sinalou a alcaldesa – é substituír as tubaxes actuáis por outras de fundición, máis duradeiras e á vez máis sostibles, co fin de mellorar o servizo que se presta á cidadanía pero tamén de facelo máis eficiente porque conleva a diminución do número de avarías que se producen sobre a rede de distribución”.

Este Plan, para o que a área de Medio Ambiente mobilizou 1’2 millóns de euros, suporá a actuación en 250 acometidas da capital. Cun maior esforzo nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda por ser nelas nas que se concentraba a meirande parte de incidencias.

“En total, serán substituídos 4.080 metros de tubaxes e se procederá, asemade, á renovación completa das beirarrúas, que suman 6.550 metros de pavimento, actuando así, de forma integral, sobre estas vías”, sinalou a rexedora.

A licitación que se autorizará esta semana é a última das que comprende esta iniciativa municipal, logo de que xa se atopen en curso as das rúas Bataneira e Figueira, Escultor Asorei, Rei don García e Aviación Española, a marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro así como noutras sete vías do barrio da Cheda.

Outros asuntos da orde do día da Xunta de Goberno

Por outra banda, na sesión celebrada esta semana, o equipo de goberno outorgará catro licenzas para acometer diferentes actuacións urbanísticas no termo municipal.

Entre as máis destacadas figura a legalización dunha piscina particular en San Salvador de Muxa (79.038 €) e dun cobertizo nunha estación de servizo na estrada LU-612 (37.724 €), así como o acondicionamento dun local e a realización de diferentes melloras na Igrexa de San Antonio de Padua (42.776 €).

Igualmente procederán a validarse as disolucións de tres xuntas de Compensacións en sectores e/ou unidades de actuación da cidade.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Plan Municipal para erradicar o fibrocemento | Descargar mp3

Noticias relacionadas