O executivo de Lara Méndez avanza no procedemento para entregar á veciñanza da Croa as escrituras das súas vivendas

A Xunta de Goberno Local aprobaba hoxe a apertura do procedemento de contratación para demoler unha decena de edificacións antigas existentes no ámbito de actuación deste proxecto.

Os traballos, que terán un custo de 55.000 euros e un prazo de execución dun mes, son o paso previo para rexistrar o parcelamento dos terreos antes de cederllos aos seus adxudicatarios.

Mércores, 14 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez avanza no procedemento para entregar á veciñanza da Croa as escrituras das súas vivendas

O executivo de Lara Méndez segue a avanzar no procedemento para entregar ás familias que ocupan as 15 vivendas da Croa as escrituras das mesmas.

Esta mañá, a Xunta de Goberno Local autorizaba a apertura do proceso de contratación para demoler varias edificacións antigas existentes no ámbito de actuación do proxecto, que dará como resultado unha zona libre dunha extensión aproximada de 1.900 m², entre áreas verdes e dotacionais.

“Trátase dunha decena de pequenas construcións, a maioría en estado ruinoso e deshabitadas dende hai décadas, que se manteñen nos terreos, e que resulta preciso derribar para proceder ao parcelamento definitivo dos mesmos. A intervención terá un custo de 55.090 euros e un prazo de execución dun mes”, indicou a alcaldesa, que esta mañá se trasladaba á zona para manter un encontro coa veciñanza co fin de explicarlles o impulso dado polo Concello nos últimos meses para regularizar a propiedade.

A rexedora deu conta de que, logo da encomenda de xestión que o Consello de Administración de Evislusa aceptou en xuño de 2020 para redactar o proxecto de parcelación dos predios municipais, foron levadas a cabo, entre outras tarefas asociadas necesarias, o estudo topográfico, a validación catastral e a prospección arqueolóxica da superficie afectada, debido á súa proximidade ao xacemento do Castro de A Croa. Traballos que, no seu conxunto, supuxeron un investimento de 35.000 euros.

Lara Méndez expuxo que, “logo de demoler as devanditas edificacións, este espazo será inmediatamente acondicionado, creando áreas verdes e de esparexemento que dean servizo á contorna e, nomeadamente, ás e aos residentes deste núcleo para o que se terán en conta tamén as súas demandas. E, debido a que o proxecto de parcelamento xa está rematado, o único que resta é aprobalo definitivamente, antes de rexistrar as novas parcelas resultantes e adxudicarllas ás súas e aos seus propietarios. Unha tramitación que prevemos breve e que agardamos concluír nos vindeiros meses”, subliñou a alcaldesa.

“O noso empeño – destacou Méndez – é desbloquear unha xestión que durante moito tempo quedou nunha sorte de limbo administrativo, e que dilatou o que este goberno considera unha prioridade: dar cumprimento a unha débeda institucional para coas persoas titulares destes inmobles, aos que lles quero agradecer a súa infinita paciencia, aportándolles tranquilidade e seguridade despois de tantos anos de incertidume”.

O núcleo residencial de A Croa ten a súa orixe no ano 1992, na etapa de Goberno do PP no Concello, como un proxecto de construción de vivendas no marco dun plan para a erradicación do chabolismo. Nese ano asinouse o acordo de cooperación entre o Concello e o IGVS para sacar adiante a iniciativa e, en 1995, concedeuse a licenza de construción. No 2008, o Concello solicitou a inscrición da parcela na que se sitúan os inmobles no Rexistro da Propiedade, e tralo pulo dado ao procedemento polo goberno de Lara Méndez, foi no ano 2016 cando se formalizou a inscrición dos mesmos no Rexistro, que este organismo remitiu á entidade local en xuño de 2017.

Outros asuntos da Xunta de Goberno Local

Por outra banda, na sesión desta semana o executivo local outorgou tres licenzas urbanísticas máis. Unha delas para a construción dunha instalación de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, con dous dispensadores para gasóleo e outros dous para gasolina 95, como ampliación da actividade dun almacén sito na Avenida Benigno Rivera (246.026 €); outra para acometer varias modificacións en execución de obra nunha vivenda unifamiliar de San Xoan de Tirimol (4.021 €) e outra para efectuar cambios de distribución nas fachadas e cuberta dun inmoble que se está rehabilitando na rúa Celestino Fernández de La Vega (18.313 €).

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a demolición das Edificacións da Croa | Descargar mp3

Multimedia

  • O executivo de Lara Méndez avanza no procedemento para entregar á veciñanza da Croa as escrituras das súas vivendas
  • O executivo de Lara Méndez avanza no procedemento para entregar á veciñanza da Croa as escrituras das súas vivendas

Noticias relacionadas