O equipo de goberno estuda as modificacións do PXOM co resto dos grupos

Xoves, 03 de abril de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares deu conta da nova xuntanza mantida co resto dos grupos políticos para analizar a situación do Plan Xeral unha vez incorporados os cambios solicitados polos grupos nas xuntanzas anteriores.

Fernández Liñares explicou que hoxe estiveron revisando xunto cos responsables de Urbanismo e Arquitectura do Concello, os planos e “practicamente todo o que lles pedimos está recollido”.

Liñares explicou que se recibiron 5 tomos que recollen os plans de ordenación, xestión e ordenación territorial. Con estos documentos, o Concelleiro dixo que se pode saber se se atenderon as reformas plantexadas polos grupos políticos nas distintas xuntanzas xa que “as modificación fixéronse sobre planos e o que hoxe temos equivale ao 80% do traballo”.

Referiuse concretamente ao Barrio Feijoo: o equipo redactor plantexa que as prazas interiores teñan entradas máis amplas, moito máis vistosas, e de máis fácil acceso, “esto implicaría algunha expropiación máis, pero unhas zonas moito máis modernas e agradables para os veciños”.

A Cheda: explicou que aparece tal e como se remitiu ás redactoras do Plan. “Na zona do principio de Marqués de Ombreiro aparece unha rúa despois da Fonte dos Ranchos, unha zona de solo urbano consolidado e unha zona que era non consolidado e que se converte en consolidado tal e como pedía o BNG”.

No Carmen solicitarán ao equipo redactor que modifique o documento. “Non recolleron exactamente o que lles pedimos, posiblemente por unha mala interpretación. A petición dos grupos era que, para executar unha sentenza que hai pendente cos veciños, se fixasen 6 metros de fronte para construción e 10 de traseira”, para que os propietarios non tivesen ningunha discriminación. Pero esta petición non aparece así recollida no plan e terán que incluila.

Para o edil nos planos de estrutura territorial aparecen moi delimitados os núcleos e áreas de expansión na súa maioría preordenadas, o que ve como algo moi positivo, xa que son como un núcleo, excepto que non contan con división de parcela, pero si poden construir.

O seguinte paso é que ao plan o acompañen 6 informes municipais: do Secretario Xeral, o xefe de Arquitectura, o de Urbanismo, medio ambiente, enxeñería e intervención, que se farán coa máxima axilidade.

Os técnicos municipais están a estudar agora se é preceptivo o informe das outras administracións antes da aprobación do Plan en Pleno, para tomar novas decisións. Liñares xa anunciou que este venres haberá unha nova xuntanza e que esixirá ás redactoras axilidade na remisión dos documentos para garantir a aprobación o antes posible.

En canto á data para levar o documento urbanístico ao Pleno, Francisco Fernández Liñares pediu precaución “a nosa intención é que vaia o antes posible”. O PXOM aprobarase nun Pleno extraordinario como xa dixo noutras ocasións, xa que “a importancia deste documento así o require”.

En canto ao decreto de habitabilidade o Concelleiro explicou que no caso de Lugo o decreto non esixirá modificacións sobre o PXOM, senón só telo en conta.

Noticias relacionadas