O Entroido chega aos centros de convivencia da cidade con distintas actividades para nenos e maiores

Martes, 25 de febreiro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

 A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, presentou esta mañá as actividades que se están a desenvolver nos centros sociais con motivo do Entroido e que están dirixidas tanto para nenos e nenas como para persoas adultas.

Nos centros de convivencia Lamas de Prado, Maruja Mallo e Uxio Novoneyra, desenvolvese ata o mércores 26 un obradoiro de confección de disfraces entre as 17 e 20 horas de balde e sen necesidade de inscrición previa.
No centro Maria Balteira, ata o día 26, tamén se levará a cabo un obradoiro de repostería típica de Entroido entre as 10.30 e as 12.30 no que a entrada tamén é de balde. Finalmente, o xoves 27, haberá no centro de convivencia de Fingoi un gran baile de disfraces infantil entre as 17.30 e as 19.00 horas con entrada de balde.
González Abelleira sinalou que con estas actividades inténtase incentivar a participación da cidadanía interesada na celebración do Entroido e procurando a súa implicación nas actividades organizadas polo Concello.
Concerto Mala Rodriguez
Por outro lado, tamén lembrou, que dende o xoves 27 ás 14.00 horas poderanse mercar as entradas para o concerto de Mala Rodriguez, unha figura de referencia no panorama musical, e que virá a conmemorar o Dia Internacional da Muller. A cantante actuará no Auditorio Gustavo Freire o sábado 8 de marzo ás 21.00 horas e presentará o seu último traballo Bruja. 
As entradas, que teñen un prezo de 3 euros, estarán dispoñibles no servidor de venda de entradas do Concello de Lugo entradas.lugo.es e deberanse recoller na Oficina Municipal de Turismo co correspondente código de compra en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 18 horas de luns a sábado, e de 11 a 14 horas os domingos. A maiores, reservaranse 150 entradas para a venda na taquilla do Auditorio unha hora antes do espectáculo.
Mala Rodríguez chega a Lugo co recoñecemento do Premio Grammy Latino ao mellor álbum de música urbana polo seu traballo “Bruja”. Neste disco, o quinto da súa traxectoria, a cantante volcou o esforzo de tres anos de traballo e o resultado é unha vibrante colección de cancións que reflicten o seu aclamado talento.

Multimedia

Noticias relacionadas