O Entroido 2017, no que se repartirán 7.800 euros en premios, estenderase polos distintos barrios da cidade

Carmen Basadre presentou este xoves a programación, que arrincará o venres 24 co pregón, a cargo de Carlos Iglesias Rebolo, director de Hipócrita Teatro, e rematará o 1 de marzo

Este ano, e por primeira vez, a feira de produtos típicos de Entroido será na praza Anxo Fernández Gómez, detrás do Concello

Xoves, 09 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Entroido 2017, no que se repartirán 7.800 euros en premios, estenderase polos distintos barrios da cidade

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este xoves algunha das actividades, dirixidas a todos os públicos, que organiza o Concello para o Entroido deste 2017. O pregón marcará o inicio destes festexos, o venres día 24 ás 20:00 horas, no Salón de Plenos do Concello, a cargo do titiriteiro e director de Hipócrita Teatro, Carlos Iglesias Rebolo.

O sábado 25 haberá unha feira de productos típicos do Entroido, que, por primeira vez vai ter lugar nunha carpa situada na praza Anxo Fernández Gomez, detrás do Concello. Nesta liña, Basadre informou que todos aqueles veciños e veciñas que desexen poñer á venda os seus productos, xa se poden inscribir na área de Cultura, na Praza Maior, rematando o prazo ao inicio da feira, que será ás 10:00 horas.

Carmen Basadre avanzou que, de forma itinerante, polas rúas do centro da cidade, os e as lucenses gozarán co Entroido Escénico, é dicir, con representacións tipo charangas. Nostrum Cai, Achádego e Nova Escena serán os encargados de animar as rúas. Así, a primeira das actuacións comezará ese mesmo sábado ás oito da tarde con saída da Praza do Campo. O luns, ás 20:30 e 21:30 horas, as compañías comezarán os seus percorridos por toda a zona centro de cidade, sen sitio concreto.

Ademais, haberá charangas que animarán a Praza de Augas Férreas, barrio da Ponte, Montirón, A Milagrosa, Fontiñas, Recatelo e rúas do centro da cidade, contribuíndo a crear ambiente por todas as zonas da cidade.

O concurso de disfraces infantil terá lugar o sábado 25 e o de adultos celebrarase o martes 28. Ambos os dous comezarán a partir das 17:00 horas. Os participantes concentraranse na praza da Soidade, media hora antes do desfile, co seguinte  percorrido: rúa Antón Fraguas Fraguas, Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, rúa da Raíña e Praza Maior. En caso de choiva trasladarase o desfile e o concurso á carpa instalada detrás do Concello. Os premios son os seguintes:

En canto a nenos e nenas

Individual

  • 1º premio:  vale por lote de libros de 50 euros
  • 2º premio: vale por lote de libros de 40 euros
  • 3º premio: vale por lote de libros de 30 euros
  • Premio especial ao disfrace reciclado: vale por lote de libros de 50 euros

Parellas

  • 1º premio: vale por lote de libros de 75 euros
  • 2º premio: vale por lote de libros de 60 euros
  • 3º premio: vale por lote de libros de 50 euros
  • Premio especial ao disfrace reciclado: vale por lote de libros 75 euros

Comparsas

  • 1º premio: vale por lote de libros de 150 euros
  • 2º premio: vale por lote de libros de 120 euros
  • 3º premio: vale por lote de libros de 100 euros
  • Premio especial ao disfrace reciclado: vale por lote de libros de 150 euros

Para os adultos

Individual

  • 1º premio: 500 euros
  • 2º premio: 300 euros
  • 3º premio: 200 euros
  • 3 premios de 50 euros

Parellas

  • 1º premio: 600 euros
  • 2º premio: 400 euros
  • 3º premio: 300 euros
  • 5 premios de 100 euros

Comparsas

  • 1º premio: 1.100 euros
  • 2º premio: 800  euros
  • 3º premio: 600 euros
  • 7 premios de 200 euros

O programa de actividades rematará o 1 de marzo, mércores de cinza, co tradicional enterro da Sardiña. Para rematar o Entroido celebrarase o xa clásico concurso de ferretes, que conta coa colaboración do Concello, e cunha dotación de 500 € en premios.

A edil, Carmen Basadre, rematou invitando a toda a veciñanza e visitantes a gozar en familia da época máis animada do ano, ben coma participantes nos concursos, ben animando as rúas da cidade.

Máis info

Noticias relacionadas